Hai máis de dous anos o estudantado independentista e nacionalista avogou por confluír nunha unión orgánica das tres organizacións estudantís galegas que traballaban nesta liña. Desta unión saíu a nova organización estudantil que pretendía aglutinar a todo o movemento estudantil galego na súa diversidade baixo uns parámetros comúns, esta nova ferramenta era Erguer. Estudantes da Galiza.
Botamos a vista atrás despois de todo o que sucedeu neste tempo e vemos como a ferramenta pola que todas apostamos no seu día, adicándolle folgos, tempo e ilusión, viu minado o seu funcionamento por unha serie de eivas que levan camiño de transformala nunha ferramenta pouco útil para o estudantado galego. Vemos como un espazo teoricamente vizoso en ideas, activismo, ilusión, forza, debate e capacidade de mobilización esmorece e apágase lentamente nun sinfín de actuacións que levaron a unha progresiva perda de entusiasmo persoal e forza numérica, é dicir, a unha parálise. Entre estas actuacións podemos centrar as que, ao noso xuízo, dificultan máis o día a día en Erguer: a imposición sistemática de posturas de parte, o verticalismo e o esvaecemento do asemblearismo, a pouca transparencia e a escasa marxe de actuación dalgunhas responsabilidades no Consello Nacional.
Erguer vive unha situación de parálise desde a primeira Asemblea Nacional, en parte fortemente condicionada pola imposición sistemática das súas posicións por parte da maioría política, que non se preocupou en buscar consenso ou acordo nos temas máis polémicos e espiñentos. As diferentes lecturas do momento político aprofundaron nas discrepancias internas entre os diferentes sectores que convivimos en Erguer, algo que se agudizou nos últimos meses por motivos alleos á organización.
Non erramos cando sinalamos internamente, xa desde antes da primeira Asemblea Nacional, o esvaecemento do asemblearismo e a consecuente verticalización da organización. Este asemblearismo entendémolo como vertebrador de todas e cada unha das posicións e accións que fagamos en conxunto, por tanto, é a principal fonte da que poden xurdir decisións, acordos e traballo. Na pasada Asemblea Nacional focalizamos o desequilibrado peso entre o Consello Nacional e as asembleas de zona ou centro como unha das principais eivas que estaba a sufrir Erguer. Algo que non só non se corrixiu senón que se mantivo durante este ano. Unha carga de traballo pesada e abafante por parte do Consello Nacional deixaron ás asembleas de zona ou de centro moi pouca marxe para programar traballo propio.
Á planificación de grandes campañas sen atender ás especificidades dos centros e descoidando a soberanía das bases podémoslle sumar a inoperancia de Erguer a respecto dos espazos das asembleas abertas que actúan principalmente nas universidades dalgunhas cidades, evitando a maioría política da organización participar neles e atopándonos agora mesmo cunha convocatoria de folga centrada no ensino universitario compostelán sobre a que, sexa para participar dun ou doutro xeito, chegamos tarde na análise e posición.
É notábel que existen varias visións sobre a organización e sobre o movemento estudantil galego, e que diferentes axentes, dentro e fóra de Erguer, pretenden empregar o que debera ser un movemento vigoroso que lograse mobilizar en chave de clase e país e acadar vitorias para o estudantado para asegurar o éxito dos intereses partidarios. A falta de debate nos espazos marcados para iso, o personalismo por riba das decisións tomadas en asemblea ou a nula análise sobre a realidade coa que tratamos as estudantes organizadas está a provocar en Erguer a ineficacia do proxecto e a subordinación a ritmos alleos.
Consideramos que a organización (neste caso Erguer) é o espazo no que as mozas galegas deben coordinarse para planificar o traballo en materia de ensino, e que as asembleas abertas son unha ferramenta de masas que historicamente serviron como lugar de encontro entre estudantes, polo que somos partidarias de participar nas mesmas. Porén, iso non nos pode levar a pechar os ollos ante a progresiva desideoloxización das mesmas e os continuos ataques que desde estes espazos se fan a outros movementos nacionais, coas críticas intencionadas ás organizacións e coas manobras que se poñen en marcha para asegurar a viabilidade de accións que pasan por riba dos xa baleirados termos de asemblearismo, horizontalidade e autoorganización.
Neste período interasemblear foron moitos os retos aos que nos enfrontamos as mozas organizadas en Erguer, e sobre os que colectivamente en moitos momentos non fomos quen de dar resposta acaída, o que provocou rupturas nas bases, falta ou pouca fluidez de comunicación entre as membros e informacións dispares. Cómpre un cambio radical no xeito de enfocar o traballo nos organismos nacionais. Evitar a personalización excesiva e pular pola correcta socialización da información e o traballo, a transparencia na información e a confianza mútua deben ser base para recuperar o pulso interno e o bo facer.
Apostamos sen dúbida por Erguer como a organización do soberanismo estudantil. Para asegurarmos o futuro das nosas loitas, as que conformamos o panorama estudantil organizado temos que facer unha fonda análise, autocrítica e mudar todas aquelas prácticas que veñen provocando a queimazón e desilusións das centos de estudantes que ven na organización a ferramenta adecuada para perseguir as nosas peticións e mellorarmos o ensino. Sabemos que os anos que pasamos nos institutos e universidades son os máis estimulantes para nos achegar á loita pola independencia nacional e social. É unha tarefa pendente de calquera grupo organizado pór os obxectivos comúns por riba dos intereses individuais para lograrmos articular o movemento que aglutine a estudantes, paradas, xubiladas e traballadoras para liberarmos o país e a nosa clase.