Até sempre, comandante. Só vencen os pobos que loitan!

cyl2viaweaacbw0“Revolución é unidade, é independencia, é loitar polos nosos soños de xustiza para Cuba e para o mundo, que é a base do noso patriotismo, o noso socialismo e o noso internacionalismo” – Fidel

Hoxe morreu Fidel. Abogado, deputado na Asemblea Nacional do Poder Popular de Cuba, excomandante en xefe das Forzas Armadas, expresidente de Cuba e, sobre todas as cousas, revolucionario. Fidel Alejandro Castro Ruz, personificación da vontade do pobo cubano e recoñecido referente para os pobos en loita, derrotou innumerábeis veces ao imperialismo, á CIA ou á oligarquía terrorista que atentaron contra a súa vida e contra a integridade nacional de Cuba mais non puido vencer algo que nos iguala a todas as persoas, a morte.

Na súa loita contra o réxime ditatorial de Batista, Fidel Castro foi unha das persoas que liderou o fracasado asalto ao Cuartel Moncada en 1953, que rematou coa prisión e posterior exilio dos participantes. Xunto ao chamado Movemento 26 de Xullo, chegou a Cuba a bordo do iate Granma en 1956 e, logo dunha primeiro fracaso militar, refúxiase en Serra Mestra xunto cos revolucionarios sobreviventes (destacan o Che, o seu irmán Raúl ou Camilo Cienfuegos) comezando a guerrilla. O 1 de xaneiro de 1959 triunfan grazas ao apoio e simpatía dun pobo que se foi sumando masivamente ás ringleiras revolucionarias. Desde os primeiros anos, tiveron que facer fronte heroicamente aos ataques do imperialismo mediante tentativas de asasinato, invasións ou un bloqueo comercial que se calcula en máis de 100.000 millóns de dólares que tiña como obxectivo o colapso do sistema cubano e que resultou un evidente fracaso, como chegou a recoñecer o presidente dos Estados Unidos Obama hai uns meses.

Deixounos Fidel mais fica todo un pobo organizado, loitador e combativo que ten a tarefa de seguir a construir o seu soño, que é o mesmo de todos os desposuídos do mundo.

Deixounos Fidel mais fica o exemplo de quen exporta médicos e non bombas; de quen aprende a ler e non de quen promove a desaparición de centos de linguas e culturas; de quen preconiza a igualdade das nacións e non de quen as explota, invade e coloniza; de quen devolve a vista e cura as enfermidades e non de quen converte a saúde en negocio; de quen defende a supervivencia da Terra e non de quen envelena o mar, a terra, os ríos ou os alimentos.

Cuba non só constitúe un referente moral sumamente incómodo para o imperialismo, é un referente material incuestionábel que demostrou que o socialismo é posíbel mesmo nas condicións máis adversas. Non só rematou co analfabetismo, a fame e a miseria, senon que se colocou ao nivel dos paises máis desenvolvidos en educación, sanidade, ciencias e artes. O socialismo menos favorecido polas circunstancias funciona moito mellor que o mellor dos capitalismos que condena á pobreza e á miseria a amplos sectores da poboación.

A mellor homenaxe será continuar coa solidariedade internacionalista, apoiando a Cuba e apoiándonos no seu exemplo. Organizándonos contra o capital e inspirándonos nos seus valores: o heroísmo dunha nación obstinada en vivir libre e soberanamente fóra do capitalismo. Só vencen os pobos que loitan!

Comandante, a historia xa te absolveu!

Viva Fidel e viva Cuba Socialista!

Patria ou morte!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario