Baltasar Garzón, na Galiza non es benvido!

O vindeiro día 11 de febreiro terá lugar na Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela un acto coa presenza do ex-xuiz da Audiencia Nacional (coñecido tribunal de excepción herdeiro do Tribunal de Orde Pública Franquista) Baltasar Garzón impartindo unha conferencia baixo o título “Verdade, xustiza e reparación”. Unha mostra dun gran cinismo tendo en conta o historial político e xuidicial de Garzón que pasa por ser o campión das reivindicacións da memoria histórica, dos dereitos humanos e viaxa polo mundo dando leccións de verdade, xustiza e reparación.

Lonxe dos focos mediáticos, atopamos esa outra cara de Garzón tan convenientemente ocultada e tan xeralmente esquecida que, porén, é a face real dunha persoa que foi parte dun dos piares do réxime español. Porque nin foi, nin é nin será un defensor dos dereitos humanos e un integrante da loita pola verdade, a xustiza e a reparación dos crimes cometidos contra as vítimas do fascismo. Son as asociacións, colectivos e centos de persoas de movementos populares quen levan moitos anos recuperando a memoria dos eternamente silenciados e as dignas da nosa humilde admiración.

Porén, Garzón, como xuiz do órgano herdeiro do Tribunal de Orde Pública franquista, impulsou procesos xudiciais contra medios de comunicación, asociacións populares, partidos políticos, defensoras dos dereitos humanos, etc. O Comité de Dereitos Humanos fixo patente a súa preocupación por estas agresións á liberdade de expresión e ao dereito de libre asociación pacífica.

Garzon foi un firme partidario da detención incomunicada dos acusados de terrorismo, sendo frecuentes as súas ordes de arresto baixo este réxime. Trátase dun arrepiante “limbo xurídico” no cal se producen torturas brutais, como denunciaron organismos como o Comité de Prevención da Tortura (CPT) do Consello de Europa, o Comité contra a Tortura (CAT) e diferentes relatores especiais contra a tortura da ONU, que reclamaron unanimemente a súa abolición.

Baltasar Garzón tense mostrado impasíbel perante denuncias de tortura narradas por detidos baixo a súa responsabilidade. Entre outros, o cidadán basco Josu Arkauz, cuxo testemuño de tortura foi considerado polo CPT como “detallado e coherente”, para reprochar ao Xulgado Central de Instrución n.º 5 que non adoptase medidas reiteradamente recomendadas para evitar os malos tratos. O mesmo cabe dicir da chamada “operación Garzón”, desenvolvida durante os Xogos Olímpicos de Barcelona, caso en que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos resolveu que as investigacións de tortura non foran “profundas e efectivas para cumprir coas esixencias dos tratados internacionais”.

Desde Isca! só podemos anunciar estes feitos, denunciar a súa construída figura como valedor de grandes causas polos Dereitos Humanos, o seu desprezo pola presunción de inocencia ou a súa conivencia coa tortura e deixar claro que nin na USC, nin en Compostela, nin na Galiza é benvido.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario