A fronte unitaria

Isca! naceu no BNG e chamando a afortalar o BNG desde posturas revolucionarias. Facíamolo desde unha postura frontalmente crítica a ese rumbo que durante anos pretendeu converter o BNG nunha organización plenamente integrada no sistema.

Organizando a mocidade rebelde

O BNG como fronte unitaria para a liberación nacional

A nosa aposta unitaria no BNG responde a unha análise da que extraemos a necesidade dunha ampla fronte unitaria do nacionalismo de esquerda neste país.

Esa é a consecuencia coherente da nosa defensa da inseparabilidade da liberación nacional e social nunha nación como a nosa, que require polo tanto da alianza dos sectores sociais obxectivamente interesados no combate aos monopolios e na conquista da soberanía plena que nos achegue a un modelo social máis xusto e democrático.

Para ese fin, sendo o BNG de lonxe a maior organización da esquerda e do nacionalismo neste país, acreditamos nel como espazo unitario de confluencia de todo o soberanismo e independentismo que aspira á transformación social.

Isca! naceu no BNG e chamando a afortalar o BNG desde posturas revolucionarias.

Facíamolo, porén, nun momento en que a deriva que durante anos desdebuxou o perfil transformador do nacionalismo estaba moi avanzada, e polo tanto desde unha postura frontalmente crítica a ese rumbo que durante anos pretendeu converter o BNG nunha organización plenamente integrada no sistema.

Desde o noso nacemento, esta situación ten mudado, para o cal ten contribuído, á par da constatación do fracaso -a nivel social e electoral- desa liña liquidacionista, a consolidación dun espazo crítico como o que nos representamos (arredor do MGS e os seus antecedentes), moitas de cuxas análises e propostas para o BNG son hoxe asumidas por unha parte importante da militancia.

Así, a consecuencia dos proceso de debate vividos no seu do BNG, gaña cada vez máis peso a visión de que o nacionalismo galego é un movemento político de liberación nacional desde as coordenadas do soberanismo e a esquerda transformadora.

Ademais de mudanzas a prol da recuperación do discurso do nacionalismo popular que reivindicabamos, asistimos a melloras, insuficientes pero existentes, no plano organizativo. Estas mudanzas, canda a conformación dun espazo político propio nucleado arredor do MGS e da propia Isca!, fixeron que a nosa militancia se sentise máis cómoda e integrada cada vez máis no seo do BNG, mesmo sendo quen de achegar a el sectores que durante estes anos contemplaran con desconfianza a súa deriva.

Este camiño de recuperación dos sinais históricos do nacionalismo popular está aínda lonxe de completarse, e é preciso seguir a articular un espazo político no seu seo que defenda claramente eses valores: asemblearismo, democracia, participación, pluralidade, esquerda transformadora, soberanismo cara á República Galega, internacionalismo, mobilización ou prioridade do traballo social fronte ao institucional.