Caixas: Quinta opción

Nos últimos tempos a maquinaria do poder habelenciosamente administrado pola gran banca está construíndo un gran consenso entre o Goberno e PP, cuxa man executora é o Banco de España. Por detrás do ruído de Gürtel, Alakrana e outras mascaradas que entreteñen a cidadanía cun espectáculo de batalla política aparentemente sanguinaria, estamos asistindo en realidade ao máis grande consenso -ou confabulación- no asuntos que realmente afectan ao reparto da crise e á marcha da nosa sociedade a medio e longo prazo. O consenso na aprobación do FROB e as axudas á banca non son máis que o botón de mostra dun consenso que abrangue a vital Lei de comercio interior, as leis “paraguas” e “omnibus” de Servizos (transposición da directiva Bolkestein: ¿alguén se enterou do seu debate?), que arrasan as competencias autonómicas e poñen os mercados a disposicón das grandes empresas e cadeas comerciais; a supresión do imposto do patrimonio; a cuase supresión do imposto de transmisión e sucesións; a lei de participación do capital privado nas infraestruturas e servizos públicos; etc.

A estas alturas está bastante claro que o obxectivo do vapuleo ás caixas non é un problema técnico senón un gran consenso -mal disimulado- do poder financeiro e os partidos centrais para redeseñar o sistema financeiro nun triple sentido: a) Sacar ás CC AA do medio inhabilitando de facto a súa xurisdicción sobre as caixas; b) Recortar a implantación das caixas para reducir o seu protagonismo e devolverlle espazo e negocio á banca; e c) A medio prazo converter as caixas en entidades con accionistas e reparto de dividendos, abrindo novas oportunidades para a banca. Pobre e miserable papel é o que lles toca ás franquicias dos dous partidos estatais para xustificar o inxustificábel.

En vez de dicir iso con claridade proclámase a indemostrada necesidade de fusionar caixas como un axioma, na mellor tradición tatcheriana: there is not alternative. Primeira trampa, non se demostra a inviabilidade das caixas por separado. Segunda trampa, todas deben fusionar para ser “alguén” no mapa español pero, ¿por que a escala ten que ser a española?. O éxito do sistema alemán asenta sobre as súas profundas raíces “rexionais” e non saen a competir fora. Terceira trampa, na medida en que algunhas entran no xogo “forzan” ás demais a seguir a mesma senda.

O certo é que diante da vertixe dese movemento browniano as opcións que están en xogo en Galicia parecen ser catro: seguir como agora, fusión intragalega, absorción extragalega ou SIP. Ninguén foi quen até agora de demostrar que a primeira non sexa a que mellor responde aos intereses da nosa economía produtiva e do país. Pensando na fortaleza do noso sistema financeiro é bastante claro que iso é o que máis interesa aos aforradores, aos demandantes de crédito e ás nosas pemes, como veño insistindo nos últimos meses. Nunha axeitada xestión de escalas está a fortaleza dun sistema, cunha verdadeira malla de entidades. Desde logo, non hai un “sistema galego” cunha “única” entidade galega e menos sen ningunha.

Se a desculpa fose que unha das entidades non é viábel en solitario entón aínda temos unha quinta opción: mudar a equipa directiva, desfacer posicións e aumentar o “core capital” con cotas participativas subscritas pola Xunta de Galiza e as Deputacións. Unha solución á alemana.

Orixinal en xornal.com.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario