Campaña contra o fascismo nas festas do San Froilan

Desde a Asemblea de Zona de Lugo de Isca! queremos amosar o noso rexeitamento coa programación festiva do San Froilán 2013 deseñada polo goberno municipal da cidade. As primeiras festas que organiza o PSOE nun goberno en minoría neste mandato perden, polas actuacións anunciadas, o contido de festa galega e popular que caracterizou as patronais lucenses xa desde o século XVII.

A perda de peso da música galega, de moitos grupos de diferentes tendencias musicais que fan música de grande calidade con letras en galego, así como a exclusión da organización de eventos por parte do tecido asociativo cultural e dos grupos musicais da localidade e da comarca, caracterizan unhas festas que van estar guiadas por estereotipos culturais e de lecer foráneos; como xa denunciou no seu día o grupo municipal do BNG na localidade.

Xa é coñecido de vello o desleixo con que os gobernos do PSOE tratan á lingua e á cultura galegas e, máis concretamente, á cultura tradicional e de raíz popular; así como todos os símbolos identitarios do noso País. Mais desta volta, as festas chegan a un grado máximo de expresión dunha premeditada imposición dos patróns culturais españois: a actuación da “folclórica” Charo Reina, que alén do que supón de reprodución dun paradigma cultural rancio, españolista e alleo á cultura galega; é unha significada militante da causa fascista, tendo ensalzado en diversas ocasións a violencia e a persecución contra as vítimas da ditadura franquista e contra a militancia da esquerda e nacionalismo xusto despois da morte do ditador; momentos nos que era dirixente de Fuerza Nueva, como se demostra no documentario –censurado no seu día- Después de… Atado y bien atado (1983), dirixido por Cecilia Bartolomé.

As súas declaracións sobre o fascismo e a violencia contra a militancia antifranquista déixanos citas como as seguintes:

“si defender la unidad de la Patria es ser fascista, yo lo soy”

“la violencia es legítima cuando se ofende a Dios y a la Patria”

Ante a presenza no cartaz do San Froilán dunha persoa de destacada e fanática militancia fascista e que se adica a ensalzar prácticas xenocidas como as que tiveron lugar durante a ditadura franquista, Isca! quer denunciar publicamente a inclusión dunha persoa de tal calibre na programación e solicita do Concello que sexa retirada a súa actuación do programa de festas.

Ao mesmo tempo, queremos denunciar a actitude hipócrita do PSOE, que sendo unha organización que ten militantes asasinadas, presas, torturadas e perseguidas pola ditadura franquista; introduza nos actos do San Froilán unha actuación dunha persoa que se enorgullece da ditadura e do terrorismo de Estado que esta aplicou contra a militancia da esquerda e os movementos sociais. Unha actitude que garda relación co feito de que, a día de hoxe, as rúas de Lugo sigan levando os nomes de destacados cargos da ditadura implicados no golpe de Estado de 1936 e na represión, como Ramón Ferreiro, Ruíz de Alda, Alférez Provisional, Tenente Coronel Teijeiro, Comandante Manso ou García Morato, por poñer algúns exemplos; a pesar de que a lexislación actual obirga aos Concellos a substituír eses nomes e o tecido asociativo da localidade xa o ten solicitado.

Desde Isca! queremos chamar á mocidade a denunciar e combater o fascismo, a non permitirlle ocupar ningún espazo, nin público nin privado; e demandamos que as festas do San Froilán recuperen o seu carácter popular e galego.

Por unhas festas populares e galegas: fóra fascistas do San Froilán!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario