Campaña de Galiza Nova pola autodeterminación

Galiza Nova está a desenvolver desde hai semanas en varias comarcas do país unha campaña en defensa do dereito de autodeterminación, que ten como obxectivo contestar a celebración dos 30 anos da Constitución Española. A edición de material gráfico (cartaces, colantes e panfletos) veu acompañada da reedición das “Bases Constitucionais”, a alternativa defendida polo nacionalismo naquela altura frente á Constitución e á fraude estatutaria.

Consulta aquí o documento As “Bases constitucionais”: a alternativa galega aos 30 anos da Constitución Española.

 auto-p.jpg

 

Este é o texto do panfleto:

O nacionalismo galego é un movemento político con máis de 90 anos de historia, nos que, atravesando diferentes fases e moitas dificuldades, foi capaz de manter vivo un discurso nucleado arredor dunha reivindicación fundamental: Galiza é unha nación, e polo tanto ten dereito á autodeterminación.
Hoxe, esa reivindicación é máis necesaria ca nunca, pois estes 30 anos de suposta “democracia constitucional” non solucionaron boa parte dos problemas que afectan ao noso país, que segue sen ter dereito a gobernarse a si mesmo, a dispor plenamente dos seus recursos económicos e a desenvolver a súa lingua e a súa cultura con normalidade.

A Constitución Española non é democrática
En 1978, baixo a ameaza do retorno ao fascismo, entrou en vigor a Constitución Española, coa oposición da maioría dos movementos nacionalistas, nomeadamente o galego.
Este texto non pode considerarse democrático por varias razóns: a máis evidente é a forma de Estado, a monarquía, que concede a xefatura de Estado a unha persoa non eleita por ninguén, que ademais desfruta de grandes privilexios legais e económicos. Ademais diso, e no que nos afecta mais directamente ás nacións sen Estado, non se recoñece o noso dereito a decidir libremente como relacionarnos cos demais pobos de Europa e do mundo. A nosa soberanía ficasubordinada a España, quen terá sempre a última palabra sobre o noso nivel de autogoberno e competencias. A nosa dependencia xestiónase a través dos Estatutos de Autonomía, que sempre deberán pasar o filtro das Cortes e dos tribunais españois.

A alternativa do nacionalismo
Na denominada “transición”, o nacionalismo defendeu unha alternativa de ruptura democrática e non de reforma, o que no terreo nacional levouno a rexeitar a Constitución post-franquista e o modelo de Estatutos Autonómicos. Ademais, elaborou e difundiu masivamente unha proposta propia de marco xurídico-político para o noso país: as “Bases Constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto Federal”.
A importancia das Bases Constitucionais radica non xa no modelo de relación cos demais pobos do Estado (naquel momento, de carácter federal), senón en recoñecer a plena soberanía do pobo galego e en consecuencia o dereito de autodeterminación: seríamos nós, en cada momento, quen decidísemos o xeito de nos relacionar cos demais pobos da península, de Europa e do mundo.

Hoxe, España segue a negarnos como nación
España, logo de cincocentos anos, non deu un só sinal de ter vontade de recoñecernos o noso carácter nacional e os dereitos que diso se derivan. Hoxe, España rexeita até os mais modestos intentos de avanzo na solución dos conflitos nacionais. Nin as diferentes propostas de solución aportadas desde Euskal Herria e nin sequera as pequenas reformas dentro do propio marco estatutario, como en Catalunya, teñen capacidade de prosperar se poñen minimamente en cuestión o proxecto nacional imperialista do Estado Español.
A estas alturas, pois, está claro que, como todos os dereitos, a Autodeterminación non vai ser un regalo concedido por ninguén, senón unha conquista do pobo galego, concienciado, autoorganizado e mobilizado en favor desa demanda histórica.

Unha solución democrática
A autodeterminación non é máis (nin menos) que o dereito que asiste a calquer nación do mundo a decidir con liberdade o seu propio futuro. É un dereito inalienábel, recollido en diversos tratados internacionais (mesmo moitos deles asinados por España, contraditoriamente) e cuxo recoñecemento desbloquea o “problema nacional” e permite dar unha saída democrática ás aspiracións dos pobos.
Somos moitos os galegos e galegas que non nos identificamos co proxecto nacional español e defendemos portanto a necesidade de dispormos dun Estado propio. Esta opción, tan lexítima ou máis que calquera outra, non ten hoxe posibilidades legais de efectivizarse, pois a Constitución e as súas normas derivadas, os Estatutos, non contemplan mais soberanía que a do “pueblo español”. O recoñecemento do dereito de autodeterminación permitiría que todas as propostas hoxe vetadas fosen realizábeis: a independencia, a federación, a confederación… O único límite sería a vontade democrática e soberana do pobo galego.

Para decidir sobre o noso futuro, para termos a chave da liberdade: Autodeterminación. É o noso dereito!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario