Ao igual que no 29-S, a mocidade da CIG está a desenvolver unha campaña propia de cara á folga xeral do 27 de xaneiro. Esta céntrase na denuncia da situación laboral da mocidade, caracterizada pola precariedade e o desemprego, así como en alertar dos efectos que terán as reformas do goberno a nivel xuvenil.
Ademais do traballo de propaganda, terán lugar actos nos centros de ensino, así como unha xornada nacional de loita o próximo xoves 20 de xaneiro, con actos en seis cidade galegas:
Horarios das concentracións:
– A Coruña: ás 20:00 horas diante da Delegación do goberno en A Coruña (Praza de Ourense, 11).
– Ferrol: ás 20:00 horas diante do edificio da Xunta de Galiza (Praza Amada García s/n).
– Ourense: ás 19:30 horas diante do edificio da Xunta de Galiza (Avda. da Habana, 79).
– Pontevedra: ás 20:00 horas diante da Subdelegación do Goberno (Praza de España s/n).
– Compostela: ás 11:00 horas diante da oficina do servizo público de emprego da rúa Ramón Piñeiro, 7.
– Lugo: ás 11:00 horas diante da oficina do servizo público de emprego da rúa Río Cabe, 8-10.
Este é o texto da campaña:
PRECISAMOS EMPREGO PARA TERMOS FUTURO!
O pasado 29 de setembro a mocidade galega saíu á rúa amosando a súa oposición contra unha Reforma Laboral que afecta gravemente a toda a xente nova, porque nos deixa sen garantías laborais. É unha Reforma que non crea emprego, que nos condena á temporalidade, que reforza a actuación das ETTs, que fai que o despedimento sexa máis barato e doado e que, en definitiva, nos aboca ao paro e á precariedade.
Malia o masivo seguimento da folga, o Goberno español non deu marcha atrás na Reforma. Todo o contrario, puxo en marcha medidas tan regresivas como a retirada dos 426 € de axuda aos parados/as de longa duración e anunciou novas reformas como a do sistema de pensións, ou a da negociación colectiva.
A Xunta de Galiza tampouco está a tomar medidas para reducir o paro, nin para fomentar o emprego xuvenil. De feito, segundo os datos da EPA do 3ª trimestre do 2010, o paro xuvenil en Galiza foi do 34,6% para a mocidade de entre 16 e 24 anos, sendo esta cifra das máis elevadas do Estado, e para os de 25 e 29 anos do 19,5%, o cal supón unha cifra de 64.800 mozos/as no paro (por provincias, a mocidade entre 16 e 29 anos constitúen 23.700 parados/as na Coruña, 6.400 en Lugo, 6.800 en Ourense, e nada menos que 27.900 en Pontevedra). E para aqueles/as que aínda conservan o seu posto de traballo, este é temporal (a taxa de temporalidade para a mocidade de entre 16 e 24 é do 69%, no caso da mocidade entre 25 e 29 anos, do 45,8%), percibindo, en todo caso, unhas retribucións salariais moi baixas e inferiores ao salario medio en Galiza, a pesar de que a mocidade galega é a máis formada da historia.
Así, tanto os gobernos do PP como o PSOE seguen a adoptar axustes económicos como terapias de choque para saír da crise, inxustos socialmente, regresivos laboralmente e trabucados economicamente, xa que comprometen as posibilidades de medre económico e de creación do emprego, e, ademais, supoñen un sometemento claro ao ditado dos mercados financeiros que son os verdadeiros causantes da crise.
Non podemos aturar máis mentiras. Os recortes propostos non se deben a unha baixa produtividade, nin ao envellecemento da poboación, son culpa dos gobernos que representan e defenden á clase dominante e ao poder económico da banca, ao contrario do que propoñen non son erros, senón a expresión da natureza do actual sistema capitalista.
Como mocidade galega reclamamos un posto de traballo digno, rexeitamos a reforma do sistema de pensións, porque consideramos que alongar a idade de xubilación é unha medida especialmente inxusta para a mocidade, porque dificulta a nosa incorporación ao mundo do traballo, e ao mesmo tempo que poidamos acceder ás pensións en condicións dignas. Situación que se agrava no caso das mozas, posto que padecen máis aínda a temporalidade, a precariedade, contratos parciais e por horas, así como interrupcións derivadas da maternidade e conciliación (excedencias, reducións de xornada, etc.).
Só a mobilización activa da mocidade poderá frear este sistema inxusto. A folga xeral é imprescindíbel. Queremos parar o país para pararlle os pés ao goberno. Cómpre, xa que logo, dar unha resposta masiva a esta agresión como clase, como mozas e mozos.
Participa na xornada nacional de loita da CIG-Mocidade que vai ter lugar o día 20 de xaneiro diante das Delegacións do Goberno, edificios da Xunta e INEM en todo o país!
Participa nas mobilizacións que a CIG ten convocadas en defensa do emprego, como resposta á reforma das pensións e que culminarán coa folga xeral o día 27 de xaneiro!