[Campaña nacional] Organizar a mocidade para construír o futuro!

cartaz_campanhaBaixo o lema “organizar a mocidade para construír o futuro”, lanzamos unha campaña co obxectivo de socializar entre a mocidade galega a necesidade de organizarse en parámetros revolucionarios e independentistas.

Inmersos nunha profunda crise capitalista, son cada vez máis as mozas e mozos concientes de que este sistema está a destruír o noso futuro. O paro xuvenil atinxe o 50% e o pouco emprego que hai é precario e en condicións de explotación. Con esta situación e os altos prezos da vivenda fan que a independencia sexa unha utopía. Obrígannos a coller as maletas e construír o futuro lonxe da nosa terra. O ensino é cada vez máis elitista, patriarcal e españolizador, centrado nos intereses dos mercados e en converternos en mao de obra barata para os empresarios. Se vives no rural, a estes problemas terás que sumarlle a falta dun transporte público que vertebre a nosa terra e permita conectarnos co resto de vilas e cidades mais tamén a ínfima oferta educativa e laboral, condenándonos a buscar oportunidades na cidade.

A mocidade galega ten moitas razóns para plantar cara aos efectos dun capitalismo que destrúe as nosas vidas. É a hora de organizar a rebeldía en mobilización e loita, porque neste sistema ningún tipo de vida digna é posible. Porque non loitamos só por mellorar as condicións de vida; a reforma do sistema capitalista non rematará coas inxustizas polo que é imprescindible dotar estas loitas de contido ideolóxico, tendo o socialismo e o comunismo como horizonte estratéxico, nunha patria independente e soberana.

Fronte o individualismo e o apoliticismo que fomenta o sistema, chamamos a rebelarse e a dar a batalla. É posible construír outra sociedade, porque a historia demostrou que as grandes transformacións sociais viñeron da loita e da organización, sen medo ao compromiso.

Rachar con España, o capitalismo e o patriarcado son as premisas que levaremos ás vilas e cidades do noso país. Organizar e formarse, loitar a pé de rúa, no movemento estudantil, no sindicalismo de clase, no feminismo, no asociacionismo ou nos movementos en defensa da terra como único camiño para acadar os nosos obxectivos.

Dá o paso e organízate con nós, porque a loita da mocidade é imprescindible para construír a sociedade nova do mañá.

 

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario