Campaña polas eleccións do 10N de 2019

Atopámonos máis unha vez diante dunhas novas eleccións ao Parlamento español. Fronte quen sinala a inutilidade da participación nas institucións, e quen acredita nestas coma único motor de cambio na sociedade, en Isca! posicionámonos.

📩

Somos ben conscientes da dificultade de acadar calquera tipo de cambio social, para a nosa clase e o noso país, desde unhas institucións deseñadas no 78 polas elites franquistas e baixo a ameaza militar. A historia demóstranos que a participación de forzas transformadoras nas eleccións e nas institucións pode derivar perigosamente no reformismo, facendo que a organización perda de vista os seus obxectivos nacionais e de clase e antepoña os seus propios, entrando nunha espiral corporatista e no xogo electoral que non interesa senón ás clases dominantes.

Agora ben, tamén entendemos a necesidade de non renunciar a ningún ámbito de loita, por moito que este nos poida xerar contradicións. Aquelas que se din revolucionarias, mais que se negan a asumir ningún tipo de contradición na súa praxe, acaban apartadas da clase traballadora e dos seus intereses, sen ningún tipo de incidencia práctica, abocadas ó esquerdismo e á marxinación.

As institucións non son o noso espazo natural de loita. A nosa loita dáse nos centros de traballo, nos barrios, nas universidades e institutos, nos centros sociais, nas asembleas. Non podemos negar que a participación en institucións deseñadas por e para as elites é algo estraño á nosa praxe.

Mais iso non implica que debamos renunciar a elas, nun momento no que, nas democracias occidentais, outros vieiros de loita que nos precederon, nomeadamente a loita armada revolucionaria, semella nun punto morto, tanto a nivel loxístico como de lexitimidade.

Deste xeito, consideramos que a renuncia á representación da clase traballadora e dos intereses nacionais do país, aínda nunhas institucións burguesas, constitúe un erro de análise e de praxe. Como tamén sería un grave erro destinar todos os nosos esforzos e esperanzas á loita institucional. Negámonos a caer en ningún dos dous erros.

Acreditamos na necesidade da disputa de todos os ámbitos de loita na sociedade, xa for económica, política, ideolóxica ou institucional. Nunca podemos esquecer que o único xeito de mudar a nosa realidade ten que vir cun impulso firme desde a rúa, os centros de traballo e os institutos e universidades, que empurren ás institucións a faceren os cambios que precisamos para a nosa liberdade de clase, de xénero e nacional. Só así poderemos conseguir unha transformación revolucionaria da sociedade.

É por isto que acreditamos no BNG – Bloque Nacionalista Galego como a única alternativa que garanta as nosas metas para o pobo galego.

Queremos salientar algunhas das medidas acollidas dentro do programa electoral do BNG coas que reafirmamos a nosa decisión de apoio.

TRABALLO

➡️ Derrogar a Lei 27/ 2011 que supuxo unha contrarreforma brutal das pensións: aumentou a idade xubilación de 65 a 67 anos, incrementou o período para calcular a pensión de 15 a 25 anos, acrecentou o período mínimo de cotización de 35 a 37 para cobrar o 100% da pensión, estabeleceu o factor de substantibilidade, etc…). Estabelecer a xubilación ordinaria aos 65 anos e a parcial aos 61 anos.

➡️ Eliminar as Empresas de Traballo Temporal (ETT), a subcontratación en cadea e as falsas autónomas. Eliminar as Empresas de Traballo Temporal (ETT), a subcontratación encadea e as falsas/os autónomas/os, que afectan especialmente á mocidade máis precaria.

➡️ Recuperar a causalidade na contratación, limitando a contratación parcial e temporal, e revisando os contratos en práctica e formación para evitar o seu uso como vía para precarización do emprego na mocidade.

➡️ Revisión dos contratos de prácticas, para impedrimos que se empreguen para que as mozas traballemos de balde ou con soldos inferiores ao SMI.

➡️ Impulsar un plano global de acción contra a sinistralidade laboral, que comprenda o fomento do emprego estábel nos sectores que presentan maiores taxas de sinistralidade, a intensificación no control das actuacións das empresas e sectores que acumulan un elevado número de accidentes no traballo e a redución obrigatoria da xornada laboral nas actividades máis perigosas, entre outras medidas. Para evitarmos que sigan morrendo traballadoras a causa dunhas condicións laborais inseguras: aumento dos controis e redución obrigatoria da xornada laboral nas actividades máis perigosas.

➡️ Derrogación inmediata das últimas contrarreformas laborais, da negociación colectiva e das pensións (RDL 10/2010, RDL 7/2010, RDL 20/2012, Lei 3/2012, etc).

➡️ Redución das xornadas laborais a 35h sen redución salarial. Traballarmos menos para traballarmos todas! Non pode ser que no noso país teñamos unha taxa de desemprego entre as mozas que acada o 30% mentres as mozas que traballan teñan uns empregos precarios, con xornadas laborais interminábeis e horas extra non pagas.

➡️ Elevar progresivamente o Salario Mínimo Interprofesional e a pensión mínima (que deberá coincidir con este) a comezar pola súa equiparación até o 60% do Salario Medio. A súa revalorización debe estar garantida co IPC.

➡️ Estabelecer a remuneración, co salario mínimo interprofesional, dos contratos formativos e de prácticas. Para rematarmos coa precariedade que supoñen as prácticas.

ENSINO

➡️ Derrogar a LOMCE. Establecer un novo marco educativo que asuma a configuración Plurinacional e plurilingüe do Estado; que permita dotármonos dun modelo educativo galego, en que Galiza poida organizar e ordenar o sistema educativo mediante unha Lei Galega de Educación.

➡️ Derrogación da LOMCE e creación dun novo sistema educativo propio, que garanta unha educación pública, laica (supresión da materia de Relixión), coeducativa, de calidade e en galego.

➡️ Defender inequivocamente o ensino público. Por conseguinte, eliminar os concertos educativos dos centros que segregan alumnado por razón de xénero, así como os con-certos educativos no ensino non obrigatorio, co obxectivo final de promover a súa supresión en todos os niveis educativos.

➡️ Garantir unha rede única de educación pública e supresión dos concertos educativos (educación concertada).

➡️ Dotación dun sistema educativo de maiores niveis de calidade, apostando no crecemento dos orzamentos destinados á educación até lle dedicar, como mínimo, 7% do PIB para garantirmos a calidade na educación.

➡️ Transferir á Galiza o Programa Educa3 de fomento da Educación Infantil, incrementando as prazas e a construción de Escolas Infantís para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e nais dende un punto de vista educativo e non asistencial.

➡️ Incrementar as prazas e a construción de Escolas Infantís para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e nais dende un punto de vista educativo e non asistencial.

➡️ Derrogar o R/D 43/2015 polo que se modifican os plans de estudo das ensinanzas universitarias, que pasan a ser de 3 anos de grao e 2 de mestrado, por degradar as titulacións e as cualificacións universitarias, promover as universidades privadas e encarecer os estudos universitarios e, por tanto, expulsar as clases populares da Universidade.

➡️ Derrogación da lexislación que permite e favorece o 3+2, o sistema elitista continuador de Boloña, que pretende excluir aínda máis as mozas traballadoras da Universidade.

ECOLOXISMO

➡️ Transferencia das competencias en materia de costas, tanto as normativas para aprobar
unha lei galega de protección do litoral adaptada á realidade galega como as de intervención
e xestión (autorizacións de instalacións na costa galega).

➡️ Prohibición da fractura hidráulica (fracking) e outras técnicas semellantes pola súa perigosidade para o ambiente e a saúde.

➡️ Obrigar a internalizar os custos ambientais nas actividades contaminantes. Isto é, as empresas que contaminan, pagan.

➡️ Revogar a prórroga de ENCE en Pontevedra tendo en conta a finalización do período vixente da concesión, co fin de posibilitar o pleno saneamento e rexeneración da ría e o fin do impacto no conxunto do país, coa eucaliptización masiva que provocou historicamente.

➡️ Ampliación das áreas protexidas da Rede Natura 2000, especialmente no medio mariño, e protección da biodiversidade.

➡️ Demandar o saneamento integral das rías galegas, e dispor dunha rede equipada de bases de loita contra a contaminación do medio mariño ao longo de todo o corredor marítimo fronte á costa galega.

➡️ Recoñecer a propiedade comunitaria do monte.

➡️ Introducir as distintas variedades de eucalipto na Lei 42/2007 para ser considerada especie invasora, limitando o seu cultivo e plantación como premisa para poder implantar un novo sistema integral de explotación económica do monte, non só baseado na extracción de madeira.

ECONOMÍA E INDUSTRIA

➡️ Rexeitamento da débeda ilexítima, á que nos somete o grande capital internacional. Derrogación do artigo 155 da Constitución española, que establece como primeira prioridade o pago da débeda, por riba de calquera outro gasto social (pensións, sanidade, educación).

➡️ Reindustrialización do país para crearmos traballo propio e así rematar coa sangría da emigración.

➡️ O impulso á banca pública galega e novas fórmulas de participación pública, reformulando os instrumentos do crédito e adoptando as medidas necesarias para que o aforro galego reverta en crédito e investimento no noso país. Ao mesmo tempo, regularase o sector financeiro para limitar a especulación de capital e subordinar a actividade financeira ás necesidades xerais da economía.

➡️ O establecemento de condicións que obriguen á devolución íntegra das axudas e avais públicos concedidos ás entidades financeiras.

➡️ A introdución de límites ao cobro de comisións abusivas polos servizos financeiros e de obriga da transparencia de información das entidades financeiras.

➡️ Protección do sector lácteo galego, coa intervención pública que garanta uns prezos dignos para as nosas gandeiras.

➡️ Participación directa de Galiza na reforma da Política Pesqueira Común (PPC) e a súa consideración como zona altamente dependente da pesca. Negociación do reparto equitativo de cotas de pesca para a frota galega, que parta da capacidade extractiva do sector. Exixencia de que a pescar artesanal fique exenta de TAC’s e cotas.

➡️ Oposición á deslocalización e peche da actividade industrial. A Xunta contará cos medios necesarios para acometer un Plan de Industrialización que inclúa entre os seus obxectivos o reequilibrio territorial.

➡️ Derrogación das leis de garantía de unidade de mercado, favorecendo o impulso a economía galega sen o control e limitación desde o Goberno central.

MEDIDAS SOCIAIS

➡️ Garantirmos a toda a poboación o acceso ás necesidades sociais básicas e asegurar que aquelas que non sexan gratuitas, como a vivenda, a enerxía ou o transporte, non supoñan máis que unha pequena parte do ingreso do traballo.

➡️ Derrogar a última reforma da Lei de Dependencia que incrementa o copagamento, amplía ata dous anos o tempo nas listaxes de espera sen obriga do pagamento da retroactividade, elimina o pagamento da seguridade social ás persoas coidadoras e retrasa a entrada no sistema ós dependentes moderados.

SANIDADE

➡️ Incorporar progresivamente a asistencia odontolóxica gratuíta até os 18 anos, a prescrición pública de próteses removíbeis e a incorporación de novas prestacións, como a podoloxía, con financiamento público en función da renda.

➡️ Regular o dereito a unha morte digna, de modo que as persoas poidan decidir libremente o momento, a forma e con que axuda facelo. Despenalización da eutanasia e o suicidio médico asistido.

DEMOCRACIA

➡️ Derrogación inmediata da Lei de protección da seguridade cidadá, coñecida de forma máis apropiada como Lei mordaza.

➡️ Derrogación da lei de amnistía aprobada na transición respecto dos delitos de xenocidio e lesa humanidade. Protección e amparo das vítimas co axuízamento das persoas que cometeron crimes contra a vida e dignidade das persoas.

➡️ Recuperación do Pazo de Meirás e de todos os bens espoliados polo ditador Francisco Franco e a súa familia.

➡️ Impulso á participación directa a través de consultas populares. Abordar as mudanzas legais precisas para posibilitar a convocatoria de referendos vinculantes asuntos de interese, incluído o dereito de autodeterminación, así como para instrumentar a participación social na planificación e xestión dos fondos públicos.

➡️ Denuncia e revogación do Concordato coa Igrexa Católica para implantar a laicidade real no Estado. Isto implica a eliminación de privilexios e presenza da relixión nas institucións e servizos públicos: supresión da materia de relixión no ensino, supresión paulatina de concertos educativos, eliminación de aparicións de autoridades relixiosas en actos organizados por institucións públicas e de cargos públicos como tales en actos relixiosos, anulación de acordos para a presenza financiada publicamente de representantes relixiosos nos hospitais públicos, desaparición de simboloxía relixiosa en edificios públicos, etc..

➡️ Regulación estrita das portas xiratorias e das incompatibilidades, en concreto, supresión da posibilidade de acordar compatibilidade profesional de Deputados e Senadores polas proprias Cámaras.

FEMINISMO

➡️ Defender o recoñecemento legal das familias monoparentais e monomarentais que o son en orixe, por decisión propia, e impulsar unha lei específica -para aquelas cuestións de dependencia estatal- en consenso coas organizacións sociais e feministas que permita impulsar políticas públicas para superar a discriminación patriarcal que sofren.

➡️ Impulsar a implantación de permisos iguais e intransferíbeis para pais e nais e a súa extensión até o ano de duración.

➡️ Impulsar políticas de apoio para a conciliación persoal e de coidados entre as que se contemple a compensación económica das reducións de xornada e a proporción dunha renda para os períodos de excedencia por coidado de crianzas e dependentes.

➡️ Exixir a inmediata equiparación de dereitos laborais e protección social para as traballadoras de fogar e de coidados, incluídas as prestacións por desemprego, a cotización por salarios reais e iguais condicións para o cálculo das pensións. Demandar o recoñecemento pleno no Estatuto dos Traballadores e Traballadoras e integración completa no Réxime Xeral da Seguridade Social así como a sinatura do Convenio 189 da OIT.

➡️ Impulsar unha lei de igualdade salarial para as cuestións laborais de dependencia estatal que contemple, entre outras medidas, a obrigatoriedade de publicación dos salarios para combater a fenda salarial e sancións ás empresas que vulneren o marco legal.

➡️ Introducir no marco legal o concepto de consentimento para mellorar a tipificación e tratamento da violación e das agresións sexuais, así como considerar eses delitos de carácter público. Impulsar a aplicación da directriz do artigo 36 do Convenio de Istambul que estipula que as autoridades deben adoptar todas as medidas necesarias para garantir que o sexo non consentido sexa tratado sempre coma un delito.

➡️ Impulsar medidas de formación e mecanismos de control para despatriarcalizar a xustiza. Así mesmo, para garantir unha atención integral da violencia machista na xustiza en todo o territorio demandarase a creación de xulgados exclusivos de violencia machista -nos que tamén se inclúa o tratamento dos delitos sexuais- nas sete cidades galegas como paso previo a unha distribución axeitada para a realidade territorial galega.

➡️ Oporse á legalización, regulamentación e banalización da práctica das barrigas de aluguer por constituír unha forma de explotación e mercantilización do corpo das mulleres, especialmente daquelas máis empobrecidas e vulnerábeis. Neste sentido, as modificacións legais pertinentes encamiñaranse a disuadir e impedir a práctica do aluguer de barrigas.

➡️ Ampliación dos dereitos da Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo eliminando as restricións actuais ás mozas de 16 e 17 anos e garantindo unha prestación de calidade no ámbito sanitario público galego. Prohibir o financiamento con diñeiro público das asociacións antiabortistas por ir en contra dos dereitos humanos.

➡️ Impulsar medidas para a eliminación do sexismo nos medios de comunicación e para o adecuado tratamento da violencia machista entre as que se incluirá un código ético que deberá ser cumprido para obter fondos públicos.

➡️ Prohibir a publicidade de contactos sexuais, por encubriren na maior parte dos casos organizacións de tráfico ilegal e explotación de mulleres, nos medios de comunicación social, públicos e privados, e en todo tipo de soportes.

LINGUA E CULTURA

➡️ Impulsar os convenios para ensino do galego como segundo idioma na educación secundaria noutros territorios do Estado. Tamén na Galiza de idiomas cooficiais (catalán, euskera). De forma especial, garantir a sinatura de convenios para ensino do galego en toda a etapa educativa nos territorios galegofalantes de comunidades limítrofes.

➡️ Exixir o cumprimento dos acordos parlamentares para a recepción e difusión dos medios públicos audiovisuais de Portugal na Galiza, así como da RTVG en Portugal, no cadro da cooperación cos países da lusofonía para a relacións reciprocamente beneficiosa entre as nosas culturas.

➡️ Proceder á mudanza pertinente para estabelecer a igualdade legal de galego e castelán; quer dicir: o deber de coñecelo e o dereito de usalo.

➡️ Garantir o estrito respecto da nosa toponimia por parte de todos os organismo da administración do Estado.

Axúdasnos a construír a Galiza libre de opresións?

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario