[Castilla – Yesca] Que celebramos en Villalar?

yescaCastillaHai unhas semanas participamos coas compañeiras castellanas en Villalar de los Comuneros no seu Día Nacional. Co obxectivo de coñecer as realidades doutros pobos, deixámosvos un artigo a continuación, onde elas mesmas nos explican que celebran ese día e as razóns das súas reivindicacións:

Que celebramos en Villalar?

A Rebelión das Comunidades é un referente chave, é a nosa primeira revolución, a nosa primeira organización no político, no social, no económico, que ten como subxecto político a Castela desde un proxecto que pretende dar respostas ás súas necesidades e problemas. A constitución de Ávila de 1520 plasmaba o proxecto político alternativo ao recentemente escollido Emperador Carlos V. Trátabase de impedir a influencia do rei, frear os intereses extranxeiros e poñer couto ao primeiro gran proxecto do capitalismo mercantidal da Idade Moderna, que perxudicaba especialmente ás clases populares. As ringleiras comuneiras estiveron compostas por campesinos, artesáns das cidades e parte do baixo clero e nobreza de case toda Castela, en demanda de democratización, unha maior horizontalidade na toma de decisións do reino ademais de reivindicacións de carácter fiscal; mentres que os imperiais contaron co apoio dos “grandes”: aristócratas, familias nobres máis destacadas, parte do alto clero, etc. Esta guerra civil terá o seu acontecemento militar máis importante na batalla de Villalar, onde o pobo foi vencido e os principais dirixentes comuneiros foron decapitados. Dentro deste fundamental feito histórico para o pobo castelán, hai que salientar a herocia resistencia de Toledo, e o papel das mulleres, onde sobresae María de Pacheco, “A Leona de Castela”. María de Pacheco mantívose en rebeldía contra Carlos V nesta cidade tras a derrota militar de Villalar, onde foi decapitado o seu marido. É por isto que nos reunimos en Toledo cada febrero para lembrar este fito. Non insistimos nestas cuestións relacionadas coa Guerra das Comunidades porque son suficientemente coñecidas ou información de acceso doado.

Os castelanistas reivindicamos a existencia dun “fío morado” ao longo da nosa historia, que é o que xustifica a nosa presencia en Villalar. Despois daqueles e daquelas comuneiras do XVI viñeron moitas máis. O termo e o espíritu comuneiro pasou a América Latina, onde se exiliaron moitas delas tras seren vencidas polas tropas de Carlos V; é por isto que se levarían a cabo revoltas contra o Imperio Español durante o XVII baixo o seu nome en Colombia, Paraguai ou Venezuela. Desde o XVI até o XVIII o concepto de comuneiro estendeuse na Monarquía Hispánica como sinónimo de rebelde. A principios do século XIX a lembranza da Comunidade inspiraba aos liberais que combateron o absolutismo de Fernando VII, tendo especial incidencia no Trienio Liberal. Naqueles momentos destacou o Empecinado, antigo guerrilleiro liberal que loitou contra os invasoras franceses e o absolutismo español e que marcaría o inicio da conmemoración de Villalar ao exhumar no municipio os restos dos capitáns comuneiros no 300 aniversario da batalla. Para que nos fagamos unha idea da importancia simbólica que tiveron entón, poderiamos mencionar o feito de que as tropas coñecidas como os Cen mil fillos de San Lois, encargadas de combater a Rafael Riego (por certo, integrante dunha importante sociedade secreta coñecida como a “Confederación de Caballeiros Comuneiros”) e restablecer o absolutismo de Fernando VII, queimaron unha urna cos restos dos dirixentes comuneiros. Durante este século ademais se asociou indiscutíbelmente o mourado con Castela e a Comunidade, e moi cedo cos incipientes ideais republicanos. O Pacto Federal Castelán, asinado en 1869 durante o Sexenio Revolucionario que levou á I República, por exemplo, facía expresa referencia ás comuneiras. O forte romanticismo da época fixo das comuneiras un símbolo de loita contra a tiranía e a inxustiza social, atraendo a atención dos principais intelectuais, desde Marx até Pi i Margall, que reflexionaron sobre elas desde perspectivas de clase e nacionais. Igualmente, durante a II República os discursos da militancia anarquista, comunista, socialista, republicana e liberal apropiábanse nos valores da Comunidades, fronte ás forzas conservadoras, tradicionalistas, católicas e fascistas, que ensalzaban o proxecto imperial de Carlos V. Durante a Guerra Civil existiu un batallón, moi destacado na Defensa de Madrid, que levaba o nome de Comuneiros de Castela. Como se pode supoñer, durante o franquismo as comuneiras seguiron estando no imaxinario colectivo da oposición antifascista, o que permitiu un gran auxe da súa reivindicación cando morreu o dictador. Fica por tanto, brevemente explicado, como o mellor do noso pobo se identificou co movemento comuneiro.

Desde abril de 1976 vense celebrando sen excepción Villalar. Aquel ano, centos de persoas reuníronse nos arredores da aldea para homenaxear ás comuneiras malia as ameazas dun Goberno que viña de perder a Franco, e foron perseguidos entre piñeirais pola Garda Civil a cabalo, que trataba así de disolver a concentración. A represión inicial daquela reunión lanzaríaa ao éxito, reuníndose en 1978 duascentas mil persoas nun clima de axitación social e política, con reivindicacións republicanas e autonomistas. Desde o inicio foi un acontecemento vinculado ao movemento popular máis combativo da nosa terra, e moi mal visto por una dereita que renegada dos valores comuneiros. É por isto que Alianza Popular e o Partido Popular, cando gobernaban a autonomía de Castela e León, moi especialmente con Aznar á fronte da Junta, trataron de reventar a festa; posto que o dia 23 estaba xa asentado, incluso recoñecida a data como dia da autonomía xurdida en 1983, a dereita tentou facer cada 23 de abril un evento itinerante polas distintas provincias, mais fracasaron mentres decenas de miles de persoas seguían acudindo a Villalar ano tras ano. Villalar dos Comuneiros sempre foi, por tanto, unha celebración monopolizada pola esquerda, aínda que o institucionalismo e o mercantilismo teñan penetrado con forza na última década.

As organizacións do movemento popular castelán seguimos apostando polo carácter popular, festivo e reivindicativo de Villalar. Non “celebramos unha derrota”, como adoitamos sentir. É o aniversario da derrota militar da Comunidade no XVI, é certo; mais o que facemos é conmemorar a existencia daquel movemento e reafirmaros na vixencia, adaptada aos nosos tempos, dos ideais dos nosos dignos devanceiros. Celebramos, iso si, a existencia dese fío morado que hoxe aínda ten continuidade en nós, porque as ideas de xustiza social non poden ser derrotadas xamais.

Por último, queremos incidir na importancia que ten o internacionalismo activo para o castelanismo de esquerdas. Villalar sempre foi un sitio de encontro no cal somos anfitrións de compañeiras que veñen desde outros pobos a coñecer a realidade do noso. Por iso non queremos perder a oportunidade de convidarvos a participar sempre no noso dia nacional.

Viva Galiza ceibe!

Viva Castilla comunera!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario