[10 de marzo] A causa de Galiza é a causa das traballadoras.

Este 10 de marzo conmemorase novamente o Día da Clase Obreira Galega, en recordo dos traballadores Amador e Daniel, asasinados en 1972 no contexto dunhas intensas xornadas de folga na cidade de Ferrol.

Porén, o sentido desta data vai moito máis aló da reivindicación dunhos fatídicos feitos históricos. A súa existencia xustificase plenamente desde un punto de vista nacional e de clase. As problemáticas que sofre a clase traballadora do noso país, certo é, non se diferencian pola súa natureza e orixe das que sofren as traballadoras e traballadores doutras zonas xeográficas, pero si se fan sentir cunha virulencia particularmente maior.

Así, por exemplo, podemos observar que o salario medio galego é de 19.925 euros anuais, 2.868 euros menos que a media estatal. Tamén as pensións son sensiblemente máis baixas, ata 150 euros menos respecto á media total. As xornadas laborais son máis prolongadas, e dobramos a sinistralidade laboral respecto do conxunto do Estado. O único dato que podería interpretarse como máis positivo é o desemprego, lixeiramente inferior, pero incluso isto resulta enganoso. A menor taxa de paro en Galiza non ten tanto que ver co dinamismo na creación de emprego como coas elevadas taxas de emigración, un problema este particularmente grave para a mocidade. Desde o ano 2009, son xa 175.300 as persoas menores de corenta anos que tiveron que buscar traballo fora do noso país.

O que estes datos e feitos reflexan, en definitiva, é que o pobo traballador galego sofre unha taxa de explotación superior ao doutras zonas do Estado, unha realidade que non pode desligarse da nosa condición periférica no contexto estatal e europeo. O mercado capitalista é un permanente campo de batalla, no que cada capital procura gañarse para si a maior porción posible de clientes e compradores a costa dos seus contrincantes. Para elo, unha das mellores estratexias, é reducir os prezos a través de aumentos da produtividade. Nos países capitalistas menos desenvoltos (como Galiza), a produtividade sempre é menor,  obrigando a unha explotación máis intensiva da súa man de obra como mecanismo compensatorio.

Por suposto, o carácter dependente e atrasado da nosa economía respecto ao conxunto do Estado español non responde a un “estado natural” do noso país, nin é unha maldición insalvable. É, moi pola contra, o resultado do esquecemento histórico dos intereses da nosa economía nacional. Nos plans de desenvolvemento económico realizados desde o poder central nunca se deseñaron estratexias para o fortalecemento dos sectores produtivos galegos, nin para criar un tecido industrial integrado, nin tampouco para formar unha potente rede de comunicacións internas que facilitaran as relacións comerciais e económicas.

Porén, Galiza conta con potencialidades produtivas inmensas, aptas para ser aproveitadas. No noso territorio, pese ao reducido da súa extensión, existe un dos complexos agroalimentarios máis potentes de toda a península. O 40% do leite, o 15% da carne avícola, o 17% da bovina, o 20% da carne de coello e o 30% da pataca de todo o Estado son de orixe galego. En contraste, só un tercio do valor engadido bruto deste gran complexo produtivo ten a súa orixe na transformación industrial, moi por baixo da media española e europea. Galiza exporta unha gran cantidade de materias primas brutas, sen transformar ou escasamente transformadas, a outros territorios veciños. Esta situación non se limita só á produción de alimentos. Producimos tamén o 90% do granito do Estado e incluso o 45% da lousa mundial. Caso paradigmático é tamén o da produción eléctrica, sector estratéxico de calquera economía nacional. Temos unha capacidade instalada de 11.000 megavatios, o equivalente a dez centrais nucleares, que nos permiten exportar o 33% da nosa produción de enerxía.

Unha política económica soberana, centrada no desenvolvemento dos sectores estratéxicos do noso país, non podería deixar de beneficiar á clase traballadora galega. A creación dunha potente industria ao redor dos ramos económicos mencionados xeraría miles de postos de traballo. O emprego xerado sería, ademais, de calidade superior ao que existe no sector terciario, moito máis marcado pola temporalidade e a precariedade. Fortaleceríanse tamén as organizacións sindicais, que normalmente atopan na industria maiores posibilidades de implantación debido ao maior tamaño medio dos centros de traballo, que facilita o contacto entre os empregados.

Pese a todos os argumentos presentados, non debemos inferir a idea dun “desenvolvemento harmónico”, que beneficia por igual a todos os actores implicados ata diluír  as súas contradicións nunha idílica comunidade nacional, por riba das clases sociais. Na medida en que o crecemento económico e o desenvolvemento das forzas produtivas teñan lugar nunha sociedade capitalista, o antagonismo de clases farase sentir irremediablemente na dinámica dos acontecementos de forma favorable aos explotadores. Esta idea verifícase ao analizar a evolución da renda das últimas décadas, onde se aprecia un aumento dos salarios por baixo da produtividade incluso nas economías máis avanzadas e competitivas. Como resultado delo, a participación dos salarios no PIB reduciuse a expensas das rendas do capital en todos os países do mundo. Elo permítenos explicar como un país como Alemaña, a locomotora económica de Europa, ten a 7,5 millóns de persoas empregadas nos denominados minijobs, traballos precarios e a tempo parcial nos que o salario máximo é de 450 euros mensuais.

En definitiva, a clase traballadora galega precisa dun proxecto político estratéxico que aspire a alcanzar a plena soberanía política da nación galega desde unha visión socialista, crítica coa explotación capitalista. No noso país, a opresión nacional e  a opresión de clase son dúas caras dunha mesma moeda. Por iso, parafraseando ao marxista irlandés James Connolly, heroe da Revolta de Pascua de 1916 podemos afirmar:

A causa dos traballadores é a causa da Galiza.

A causa de Galiza é a causa dos traballadores.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario