[Combater nº9] Entrevista con Antón Masa, presidente da APDR

enceponteNo pasado xullo de 2015 saía o número 9 do noso voceiro nacional, o Combater, e nel falabamos con Antón Masa, licenciado en Bioloxía, traballador na misión biolóxica de Galiza no CSIC e presidente da Asociación Pola Defensa da Ría. Publicamos a entrevista pola súa interese a raíz da prórroga da concesión a ENCE por 60 anos que neste xaneiro de 2016 levou a cabo o Goberno Español en funcións do Partido Popular . Unha decisión que hipoteca para sempre un futuro digno na ría.

Como naceu a Asociación Pola Defensa da Ría?

A Asociación Pola Defensa da Ría nace a finais do ano 1987 como resposta á proposta dun novo Plan Xeral de Ordenamento Urbano (PXOU) no Concello de Pontevedra, un plan que –entre outras cousas– propuña a realización de diversos recheos sobre o río Lérez (entre outros, os que ían dar lugar á chamada daquela «autovía de Beiramar») e que consolidaba o complexo ENCE-LNOSA en Lourizán. Tras varias asembleas celebradas en réxime de autoconvocatoria e nas que participou activamente un bo número de persoas, chegouse ao acordo de crear unha asociación aberta, plural e independente que tería como obxectivo amplo traballar a prol da defensa da ría fronte ás ameazas ambientais. Elixida unha primeira Xunta Xestora e logo dos primeiros trámites burocráticos, a APDR fixo a súa presentación pública o 4 de decembro, quedando legalizada definitivamente en maio do 1988.

Cales son os obxectivos da APDR?

Dentro dese obxectivo xeral xa adiantado, a Asociación Pola Defensa da Ría ponse como obxectivos a loita contra os recheos, contra a contaminación da ría e dos ríos que a conforman, e –evidentemente– contra o pretendido plan urbanístico. Ao tempo, cunha visión ecoloxista ampla, contempla actuar na defensa dun plan de recollida e tratamento do lixo baseado na política das 3Rs, pola recuperación do espazo urbano para a cidadanía e pola peonalización do casco antigo. Evidentemente, dentro destes obxectivos, ocupou desde o primeiro momento un lugar primordial a loita contra a presenza do complexo CELULOSAS-ELNOSA na ría, o principal problema ambiental na comarca e que abrangue moitos aspectos, entre outros, a loita contra a repoboación forestal en base ao monocultivo do eucalipto. Co paso dos anos fóronse asumindo novos obxectivos e novos retos entre os que podemos citar a loita contra a contaminación electromagnética ou pola abolición das touradas.

Cal é a situación actual do complexo ENCE-ELNOSA na ría? Pódese evitar a prórroga para despois de 2018?

A ninguén se lle escapa que a situación actual da loita contra o complexo ENCE-ELNOSA atravesa un momento transcendental. En efecto, ambas empresas –e o Partido Popular que actúa en total conivencia cos intereses empresariais– escúdanse na situación de crise económica para xustificar a permanencia no seu actual emprazamento, un emprazamento que todo o mundo admite foi absolutamente errado e que ten que abandonar no 2018 ao rematar o prazo concesional de ocupación duns terreos de dominio público gañados ao mar. Tanto ENCE como ELNOSA están incumprindo a lexislación ambiental e, como consecuencia, estragando o medio, os recursos naturais (pesca, marisqueo, sector forestal), o sector turístico e a saúde e calidade de vida das persoas. Pero o PP, lonxe de defender a legalidade e os dereitos do conxunto da cidadanía e a economía da comarca –que ten que vir da man da explotación racional dos recursos citados– defende os intereses privados dunhas empresas que foron condenadas por delito ecolóxico e por danos na saúde e pretende prorrogar a concesión de ENCE mais aló do 2018, aproveitándose das posibilidades abertas logo da modificación da Lei de Costas do 1988.

Persoalmente estou convencido de que é posíbel impedir a prórroga e na APDR non imos deixar de intentalo por todos os medios ao noso alcance, tanto pola vía administrativa e xudicial como pola vía da mobilización social. Neste momento temos presentado novas alegacións diante da Delegación Provincial de Costas no contencioso pola caducidade da concesión, a sabendas de que en tanto este contencioso estea aberto non se pode conceder a prórroga. A proximidade dun proceso electoral a nivel estatal e as perspectivas dun cambio de goberno fan manter esperanzas nesta vía administrativa, non esquezamos que esta decisión depende –por enteiro– do goberno central. Pero, sen dúbida, a vía da mobilización social é fundamental na consecución deste obxectivo; mesmo as decisións administrativas e xudiciais teñen moito que ver co nivel de resposta cidadá.

Que suporía a desaparición da pasteira en termos económicos, turísticos, ecolóxicos…? É unha escusa válida os postos de traballo na fábrica para defendela?

Como dixen, desde o PP tratan de xustificar a permanencia de ENCE na ría na necesidade de defender os postos de traballo, «nun momento como este, non se poden perder postos de traballo» afirman, unha mensaxe que –é certo– cala en moitas persoas que descoñecen a realidade. Porque ENCE e ELNOSA, lonxe de ser o motor da economía da comarca como pretenden facer ver desde o PP na Xunta e no goberno central, son o verdadeiro freo ao seu desenvolvemento económico. Desde a súa chegada a Lourizán, impediron o desenvolvemento da economía baseada na explotación do marisqueo, no turismo, no monte…, destruíron os postos de traballo existentes nestes sectores e mesmo é evidente a destrución dos postos de traballo no propio complexo. Dos algo máis de 600 postos de traballo iniciais, pasaron aos escasos 300 que agora existen entre as dúas fábricas e a tendencia é a seguir diminuíndo. Neste sentido, a desaparición de ENCE e ELNOSA da ría suporía a posibilidade de recuperar os postos de traballo perdidos nos sectores extractivos, a creación de postos de traballo derivados da posta en valor do medio ambiente como fonte de riqueza e a recuperación da economía na comarca. A aposta pola defensa do medio ten unha clara compoñente económica e de creación de emprego de calidade, unha opción de futuro fronte á defensa dun modelo económico franquista, destrutor do medio e que ten fracasado na creación de emprego e riqueza.

Que valoración facedes do resultado da marcha despois de todos estes anos?

Sen dúbida, a marcha contra CELULOSAS é un símbolo na loita contra o complexo e, con independencia de que ao longo dos anos teña adquirido un inevitábel compoñente ritual, o propio feito de que se manteña despois de tantos anos é un éxito innegábel. Na APDR estamos absolutamente satisfeitos/as da nada desdeñábel resposta cidadá e máis nun momento no que a loita social está á baixa.

Que logros se conseguiron mediante a acción organizada?

O principal froito da loita mobilizadora da APDR é ter conseguido facer medrar de xeito importante a conciencia ecoloxista na comarca. Con todo, houbo logros puntuais dun evidente interese e nos que a APDR xogou un importante papel. A condena a ENCE e ELNOSA por delito ecolóxico continuado, a vitoria na loita contra a instalación dunha papeleira de tisú en Lourizán, o traslado de TAFISA ou o papel xogado pola APDR na organización do voluntariado e na limpeza das praias e costa na catástrofe do Prestige, son algúns deles.

Pensades que a mocidade está suficientemente concienciada e implicada na loita contra a celulosa?

Con seguridade hai un sector amplo da mocidade que ten conciencia ecoloxista, a presenza de numerosos mozos e mozas nesta pasada Marcha contra Celulosas é unha boa proba desta conciencia da que falo. Outra cousa é que este nivel de concienciación lle leve a implicarse activamente na defensa do medio e máis concretamente na loita contra ENCE. Con seguridade tamén, boa parte desta falta de implicación da mocidade nesta longa loita é responsabilidade da APDR, que non é quen de se achegar a un sector que –guste ou non e por razóns de idade– adopta métodos de comunicación, traballo e loita diferentes aos utilizados por nós. Pode que non sexamos unha organización atractiva para o sector da mocidade e, neste sentido, o papel dunha organización como a vosa é fundamental, tanto na implicación dos mozos e mozas nesta loita como para a propia continuidade do traballo da APDR nos anos vindeiros.

Unha última reflexión que queiras facer?

Darvos as grazas por permitirlle á APDR achegarse ao sector social que representades e animarvos a traballar pola defensa do medio, unha problemáticaatravesar a todas as demais loitas sociais.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario