Combater nº10, voceiro nacional de Isca!

Máis información:

Coincidindo coas conmemoracións do Día da Patria, sae de novo á rúa o noso voceiro nacional, “Combater”, que fai xa o seu 10º número. Desta volta unha edición un pouco especial, xa que con el celebramos o noso 10º aniversario e aproveitamos para repasar todas as claves do noso nacemento e os cambios que se foron implementando na esquerda soberanista e independentista galega ao longo de todo este período.

A seguir reproducimos a editorial deste número:

“Se non existe organización, as ideas, despois dun primeiro impulso, van perdendo eficacia”. Esta frase do Che Guevara resume á perfección a necesidade das organizacións revolucionarias, cuxo propósito non é outro que a transformación radical e total do sistema social a partir dunha acción consciente; porque do mesmo xeito que son inútiles as organizacións sen ideas non funcionan tampouco as ideas que non teñen organización.

Isca! nace hai 10 anos nun contexto ben diferente, no organizativo e no social, co obxectivo de consolidar un espazo xuvenil independentista e revolucionario no seo dun nacionalismo en plena desnaturalización, onde o BNG avanzaba con paso firme no camiño da súa equiparación ás demais forzas políticas do sistema. E 10 anos despois podemos afirmar que ese espazo político é unha realidade, modesta mais innegábel, desde a que defendemos unha alternativa clara, contundente e de ruptura coa folla de ruta do capitalismo que nos foi imposta. Desde a que defendemos a independencia como a vía de saída para a construción dunha altenativa sistémica diferente, enfrontada aos monopolios e ao imperialismo.

10 anos loitando e organizando. Seguimos!