Coincidindo coas conmemoracións do Día da Patria, sae de novo á rúa o noso voceiro nacional, “Combater”, que fai xa o seu 7º número. Nel pódese atopar información sobre a nosa campaña nacional “Futuro digno para a mocidade galega!”, artigos sobre o valor da unidade da mocidade da esquerda patriótica, sobre crise e medio ambiente ou sobre os micromachismos, así como unha crónica da nosa Asemblea Nacional ou unha entrevista con Ernai, a nova organización xuvenil da esquerda aberzale. Como sempre, recóllese tamén unha escolma gráfica do noso traballo durante os últimos meses.
A seguir reproducimos a editorial deste número:
“Non se trata só de recompilar dados e ilustrar a nefasta situación á que este sistema nos condena á mocidade galega. Máis importante ainda que iso é denunciar as verdadeiras responsabilidades e as vías de saída que temos para construir un futuro e unha vida digna que só pode ser tal rompendo con España, nunha Galiza sen capitalismo e sen patriarcado. Por iso a xuventude rebelde queremos seguir a erguer a voz contra toda opresión. Formación, organización e loita como ferramentas para sermos cada vez máis as que construamos alternativas nas rúas, nos centros de traballo e de ensino. Este voceiro ve a luz co fin de contribuír a ese labor urxente de erguer un futuro de soberanía, independencia, igualdade e xustiza social.
O camiño da unidade é o que nos pode facer avanzar de xeito máis firme e directo cara a ese horizonte. Consolidalo e avanzar nel é o deber de todas as que acreditamos na posibilidade da vitoria, máis cedo que tarde.”
Le e difunde!