[Combater nº9] Touradas na Galiza. A batalla pola abolición!

touradasforaArtigo publicado no Combater nº9, o noso voceiro nacional.

O 2015 albíscase coma un ano de profundos avances na batalla pola abolición das touradas no noso país. A perda de poder do Partido Popular en concellos e deputacións conxugado cun avance da conciencia de defensa dos animais dun amplo sector da sociedade, sitúa o movemento anticorrida en posicións favorábeis para pelexar contra o pequeno mais influínte “lobby” taurino galego.

É necesario retroceder oito anos para atopar os xérmolos das principais organizacións que operan hoxe no noso país. Galicia, Mellor Sen Touradas preséntase como unha plataforma que actúa no conxunto do territorio galego, resultado da unión de persoas e colectivos preocupados pola celebración de festexos taurinos. Na actualidade converteuse en referencia no panorama galego e internacional na loita contra a corrida e o desvío sistemático de recursos públicos para o maltrato animal.

Na cidade do Lérez atopámonos con Touradas fóra de Pontevedra, produto da fusión de diferentes colectivos que traballaron en Pontevedra ate o ano 2010 como son a Coordenadora Antitouradas de Pontevedra e Pontevedra Antitouradas. Hoxe batallan baixo a particularidade de ser a vila galega que concentra maior actividade taurina ao contar cunha praza de touros (a única que sobrevive das doce que existiron no País no século XX) e cuantiosas subvencións económicas procedentes da Deputación de Pontevedra e de xeito indirecto polo convenio asinado co Concello de Pontevedra; organismo que si suprimiu a subvención directa coa entrada do BNG no poder en 1999. Ademáis atopamos outras plataformas non menos importantes e inseridas nesta loita como son Sarria libre de touradas e Noia antitouradas.

Como amosan as estatísticas, Galiza é un dos territorios con menos afección, xa que un 86% dos galegos e galegas rexeitan ou aborrecen a chamada festa nacional, xusto por detrás de Catalunya e Canarias, onde a lidia foi abolida polos seus respectivos parlamentos. No ano 2014 decorreron oito ´festexos taurinos´, un 20% menos que en 2013 e un 42,8% menos que no 2010, converténdose no segundo territorio con menos corridas.  A última enquisa de hábitos e prácticas culturais no estado español, elaborado polo Ministerio de Cultura, afirma que apenas o 0,8% da sociedade galega acude a estes festexos. Porén, o lobby taurino da Galiza recibe 35 millóns de euros anuais para este fin, cantidade sen a cal acabarían desaparecendo irremediabelmente pola falta de apoio social.

No entanto, o traballo de concienciación da sociedade desenvolto nos últimos anos polas plataformas logrou que os partidos políticos situados no campo da esquerda progresista comezaran a interesarse e asumiran o compromiso de defender os seus postulados nas institucións públicas. Iniciativas como a Rede de Municipios Galegos pola Abolición, que busca integrar os concellos galegos no proceso de abolición, conta a xullo de 2015 con doce municipios adheridos a esta rede. Neste contexto compre destacar a histórica aparición da Fronte Antitouradas, proceso onde 26 deputadas e deputados asinaron o compromiso de dar voz ás reivindicacións anticorrida no Parlamento Galego.

Neste contexto, a pérdida de apoio electoral que sofreu o Partido Popular o pasado 24 de maio abre as portas para a abolición nos Concellos de Sarria e A Coruña, onde existe o compromiso das formacións políticas gobernantes, e a vixencia dos festexos taurinos depende completamente das subvencións municipais. En Pontevedra ofrécese a oportunidade de continuar debilitando o lobby taurino grazas á mudanza de goberno na Deputación de Pontevedra, principal valedor da feira pontevedresa nas últimas décadas, tanto no político como no social e o económico.

A nova situación é alentadora porque abre portas para avanzar posicións a un ano das eleccións ao parlamento galego, onde é imprescindíbel acadar unha maioría parlamentaria anticorrida para acabar, por lei, coas touradas e o torneo do tiro ao pombiño que se celebra anualmente en Ogrobe, únicas e vergoñentas excepcións na Lei de protección animal.

En efecto, a capacidade do movemento antitouradas para agrupar activistas na batalla social contra os festexos taurinos móstrase fulcral para seguir avanzando no camiño da abolición. Transformar o repudio maioritario ás touradas en conciencia abolicionista vislúmbrase como a principal tarefa que temos por diante as persoas que apostamos por construír unha sociedade máis respectuosa onde non imperen os valores do uso inxustificado da violencia contra os seres vivos. E para isto non queda outra que organizarse e loitar.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario