Comeza a andaina de Galiza pola Soberanía

Hai pouco máis de tres meses nacía Galiza pola Soberanía, iniciativa social suprapartidaria que pretende promover por vías democráticas a toma de consciencia da maioría do pobo galego no proceso de construcción nacional e no camiño de se dotar dun estado propio no convencemento de que o futuro para a maioría das galegas só pode ser posíbel pola conquista da plena soberanía. O eixo de traballo, como recollen nos seus textos e manifesto fundacional, estará baseado no diálogo, o debate, a axitación social e a mobilización co fin de promover a consecución dun Estado Galego, antipatriarcal, social, laico e radicalmente democrático con base nunha república para construírmos, de maneira pacífica e solidaria, unha sociedade xusta, libre e verdadeiramente igualitaria

O pasado sábado día 12 de outubro activistas e colaboradores levaron a cabo a primeira acción simbólica conxunta, simultánea e por sorpresa, pendurando faixas en puntos senlleiros das cidades galegas co fin de visibilizar a demanda soberanista nunha data onde aínda se conmemora o xenocidio indíxena e a colonización do continente americano perpetrado polo imperialismo castellano. Lanzouse tamén un video colaborativo titulado Desperta do teu Sono, onde decenas de persoas en diferentes concellos do País, desplegaron faixas, pancartas ou cartaces co lema “Galiza pola Soberanía”.

Desde Isca! non podemos se non subscribir esta iniciativa social, asinar o seu manifesto e parabenizar ao conxunto do movemento soberanista galego convencido da necesidade de crear ferramentas que nos permitan construir colectivamente unha sociedade xusta e igualitaria, cun futuro de emancipación nacional, social e de xénero.

Podes ler o seu manifesto aquí e asinalo aquí

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario