Nas últimas semanas viñamos publicando unha serie de vídeos nos que galegas de
diferentes ocupacións nos contaban como a crise da COVID-19 as colocou nunha
situación de inseguridade e, en moitos casos, auténtica precariedade.
Desde a sanidade, que despois de anos de recortes non foi quen de facer fronte de
maneira segura e eficaz á crise, poñendo en risco a vida de milleiros de contaxiadas e
traballadoras, até a educación, que discorría sen rumbo fixo e que nestes momentos
segue a ser desmantelada polas políticas privatizadoras do PP, pasando polos milleiros
de operarias que sofreron despedimentos para que as empresas asumiran as menores
pérdidas posíbeis.
Lembramos as experiencias que estas traballadoras nos contaron para pór en
manifesto, máis unha vez, que cada unha das crises periódicas do sistema capitalista
supón unha agudización da inseguridade e precariedade nas que vive afundida a nosa
clase. Desde a crise do 2008 vimos sufrindo unha serie de medidas privatizadoras que,
discretamente, están a destruir todas e cada unha das posibilidades que unha familia
traballadora galega ten de vivir unha vida minimamente segura e digna.
Tentan vendernos o noso século como unha suposta era da comodidade, mais a
realidade do noso tempo atópase entre todos nós. Nas familias que non son quen de
pagar o aluguer e poden perder a súa vivenda, nas fillas que non saben se poderán
asumir o custo dos estudos universitarios, na precariedade dos empregos que nos
impide ollar cara ao futuro con seguridade e anula calquera posibilidade de planificación
vital.
Recuperamos a voz das que nos falaron da corda frouxa na que vive a clase traballadora
para tomar consciencia de que neste sistema depredador construído para uns poucos
sempre seremos nós as que paguemos cada unha das recesións cíclicas que o
caracterizan, mentres vemos como a nosa supervivencia se dificulta día a día a través
de políticas dirixidas polos poderes capitalistas.
Así, nesta nova crise que entra, só nos queda amosar resistencia fronte a novas
medidas destrutoras, mentres, conscientes do lugar que sempre ocupará a nosa clase
nun sistema capitalista, organizamos a construción dun novo horizonte para as
operarias galegas.