Comunicado de Isca! perante os sucesos do domingo 8-F

Perante os factos das últimas horas, e en relación coa nosa participación na resposta á entidade españolista “Galicia Bilingüe” e a posterior detención e posta en liberdade con cargos de 3 dos nosos militantes , Isca quer expresar:

1) “Galicia Bilingüe”, entidade que organizou a marcha do Domingo 8 de Febreiro, pretende a derogación da Lei de Normalización Lingüística, a segregación dos nenos e nenas galegas nas escolas por cuestión de idioma, a limitación drástica do uso do galego por parte da administración e a diminución da presenza pública do noso idioma. “Galicia Bilingüe” propón, por tanto, a limitación dos exíguos dereitos dos galego-falantes nun contexto real de discriminación do galego a todos os niveis, pretendendo retrotraer a lexislación á etapa franquista e mesmo indo mais aló. A partir da aplicación de modelos lingüísticos procedentes doutras coordenadas que nada teñen a ver coa nosa realidade, Galicia Bilingüe propón a monstruosa posibilidade da división etnicista do noso país, Galiza.

2) A partir deste argumentario, Isca! considera unha provocación a marcha organizada por Galicia Biligüe o 8-F en Compostela, evidenciada no idéntico percorrido ás manifestacións tradicionais do nacionalismo galego, a chegada de 12 autobuses desde Madrid (un deles fletado por Falange) , o paraquedismo de organizacións españolistas e líderes ultras como Rosa Díez ou Albert Rivera que se teñen manifestado en contra da normalización dos idiomas minorizados como o galego. Tamén cabe reseñar a lamentábel participación de certos dirixentes do PP como Corina Porro (ex-alcaldesa de Vigo), que cegados pola súa xenofobia agreden conscientemente os dereitos de moitos dos seus votante galegófonos.

3) Isca! participou nos lexítimos actos de protesto que, amparados no dereito á crítica e á liberdade de expresión contestaron o discurso de quen pretende anular os nosos dereitos e excluír da vida pública o noso idioma, lexitimando con esas actitudes a discriminación idiomática que padecemos todos os días, e que sufriron e seguen a sofrer moitos galegos e galegas.

4) A nosa organización concluiu que a reposta ridiculizante ía ser a mais consecuente para denunciar as actitudes de permanente provocación de “Galicia Bilingüe” e demais colectivos supremacistas, pois poría en evidencia con maior rotundidade o verdadeiro discurso galefófobo que pretenden agochar de cara aos medios de comunicación. Así pois, varios e varias militantes de Isca! saian disfrazados con disfraces de vaca á rúa, un animal no cal simbolizaba Castelao a loita pola liberación nacional. Portaban cartaces onde se podía ler “el gallego es para hablar con las vacas”, nunha acción irónica que recuperaba unha coñecida expresión xenófoba utilizada desde o españolismo durante anos.

5) Pesia o carácter eminentemente pacífico e irónico da nosa acción, que se limitou ao paseo por zonas colidantes ao percorrido da manifestación mostrando os cartaces, varios antidisturbios procedían á retención e identificación en varias ocasións dos militantes disfrazados, chegando a inmobilizalos e mesmo agredilos inxustificadamente en varias ocasións sen que deran razóns de nengún tipo, como se pode evidenciar nun video que gravamos e está disponíbel na nosa páxina-web. Ao final da manifestación, nas inmediacións da Praza da Quintana, e cando 3 dos nosos militantes deixaran o disfraz, e sen mediar motivo, varias persoas abalanzábanse contra eles, sendo logo detidos pola policía e levados a comisaría, onde pasaron a noite, acusados de “tentar impedir o dereito á manifestación”. Ao día seguinte, foron postos en liberdade con cargos.

6 ) Duante a súa estancia nas dependencias policiais, e desde o momento en que foron levados aos calabouzos xunto co resto de compañeiros detidos, foron tratados por parte dos policías de xeito despectivo e degradante: varios deles foron obrigados a espirse antes de entraren nas celas, nas que, ademais de ter a luz prendida en todo momento e non seren alimentados até a noite, nalgún caso tiveron que dormir no chan, noutros fóronlles retiradas as mantas para cubrise do frío, e mesmo algúns foron obrigados a permanecer em pésimas condicións hixiénicas rodeados de todo tipo de residuos.

7 ) De Isca! queremos denunciar a represión xeralizada e o estado de sitio ao que someteron Compostela os mais de 400 efectivos policiais e anti-disturbios despregados por toda a cidade durante o Domingo, cargando indiscriminadamente contra manifestantes, agredindo e lesionando. O simple feito de falar galego ou ter unha estética determinada provocaban a identificación policial imediata. Neste contexto, queremos solidarizarnos con todas e todos os detidos que de diversas maneiras contestaron á provocación de “Galicia Bilingüe”, portando cartaces, despregando faixas ou manifestándose paralelamente ao percorrido. O domingo 8, centos de militantes independentistas, activistas do ridiculismo e defensores e defensoras do galego sairon a demostrar que a dignidade do pobo galego non é negociábel, e que por mais que a policia e certos medios se adiquen a criminalizar , deter e reprimir aos defensores da língua, a forza da razón está con nós, e seguiremos a defender o noso idioma e denunciar a imposición lingüística onde quer que faga falta.

8 ) De Isca! agradecemos as numerosas mostras de apoio recibidas ante a detención de tres dos nosos militantes , contando aquí mostras de solidariedade a título individual así como de distintas organizacións e movementos sociais do país, xa for mediante comunicado ou difundindo o vídeo da nosa acción, ademais do apoios internacionais que nos chegaron.

9 ) Isca! non quer que a resposta ás provocacións de grupos ultra-españolistas nos desligue da cuestión fundamental: denunciar diariamente a vulneración dos nosos dereitos, argumentar a necesidade da normalización da língua, arroupar os e as discriminadas por falar no seu idioma no centro de traballo, na escola, no centro de saúde ou na rúa e , en fin, traballar arreo para que non logren silenciar o fundamento do noso protesto.

Temos que lograr que a problemática da língua logre mobilizar o noso pobo. Non lograron rematar co idioma no pasado, e tampouco o van lograr agora, mais é tarefa dos e das nacionalistas o atoparmos fórmulas acaidas para a concienciación social perante a gravidade do problema. Temos que ser quen de quitarlle a carauta aos falsos bilingües, expresando dunha maneira pedagóxica e clara a emerxencia do galego. Xa vimos que eles precisaron traer autobuses de Madrid para nen tan sequer mediar a praza da Quintana. O noso obxectivo debe consistir en lograr que a maioría social do noso pobo comprenda que “Galicia Bilingüe” redita a pior versión do supremacismo españolista que olla o galego como mostra “tribal” e “folclórica”, tolerábel na medida en que non poña en perigo a homoxeneidade que pretenden para o seu proxecto nacional español.

Para os mozos e mozas galegas, a loita referencial contra o fascismo que desenvolveron os nosos pais e nais senta un precedente de dignidade e de loita. Estes grupos pretenden reditar o pior fanatismo etnicida reformulando o discurso, e por iso temos que saber combatelos analisando consecuentemente a súa mutación en chave neo-liberal. A súa loita é pola segregación , a nosa pola dignidade. Gañaremos se sabemos actuar unidos, coordenadamente, priorizando en cada momento a cuestión esencial.

 

Galiza non se rende!

Defender a Língua non é delito.

faixavacas.jpg

 

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario