O presente político da Galiza estase a revelar un momento de inflexión. Os grandes conflitos estruturais herdados desde os primordios do nacionalismo organizado véñense agudizando nas pasadas décadas. Desde a crise mundial do 2008, o noso país, e especialmente a súa mocidade, entrou nun proceso de erosión social e económica que a actual crise sanitaria e a súa correspondente nova crise económica non fixeron máis que acelerar e agravar. Ás altas taxas de desemprego xuvenil, á emigración forzada ou ao desmantelamento paulatino de servizos públicos básicos, como o ensino, a saúde ou o transporte, vénse sumar desde hai anos o embate do Estado Español contra os dereitos e as liberdades políticas máis básicas. Non só vemos reducidas de xeito abismal as nosas posibilidades de desenvolvermos unha vida emancipada, mais tamén as nosas posibilidades de contestación política contra esta situación. Sen dúbida, o proxecto político dunha Galiza soberana e democrática, na cal os recursos económicos estean ao servizo do pobo para todas as persoas poderen desenvolver unha vida libre, ten máis urxencia que nunca. Ao mesmo tempo, porén, o carácter reaccionario do Estado Español tense manifestado de xeito máis claro e contundente con cada nova tentativa de transformar o rexime instaurado polo pacto de elites que foi a Transición.
Neste panorama, en que é preciso unirmos forzas e facermos frente común, a mocidade nacionalista organizada debemos xogar a nosa parte. Tanto Isca! como Galiza Nova hai anos que partillamos os principais puntos de vista sobre a situación do país. Hai anos que traballamos nun mesmo proxecto de liberación nacional e que temos o Bloque Nacionalista Galego como referente político. A sintonía existente entre ambas as organizacións non é, pois, conxuntural. É o resultado esperábel de acreditarmos na República Galega como único futuro posíbel para a mocidade, como o marco democrático mínimo a través do cal conducirmos todas as loitas: a loita da clase traballadora, a loita feminista, a loita LGBT, a loita antiimperialista e calquera outra loita contra a opresión ou discriminación.
Por estas razóns, apresentamos hoxe aquí o “Protocolo de integración de Isca! en Galiza Nova”, mediante o cal Isca! pasará a estar integrada en Galiza Nova. Toda a mocidade do BNG pasará, deste xeito, a estar integrada nunha soa fronte común, consolidando Galiza Nova como a organización política referencial para a mocidade galega.
Esperamos que esta integración reverta nun reforzo da esquerda soberanista galega e que contribúa a sumar máis mozas ao seu proxecto político. Mais a nosa vontade é que a suma non sexa apenas cuantitativa, senón cualitativa. Non é só cuestión de termos máis mans a puxar do carro; é preciso a mocidade ter unha voz de seu e unha maneira de articular a solución daqueles problemas que a afetan de maneira específica. Confiamos que o presente acordo sexa un paso nesa dirección e convidamos todas as mozas a participaren no proxecto de construírmos un país de todas e para todas.
Obrigadas pola vosa atención.