Comunicado sobre a Operación Jaro

mobilizaçom24jFacemos noso o comunicado do Movemento Galego ao Socialismo sobre o proceso coñecido como Operación Jaro, que reproducimos a continuación:

O MGS rexeita o proceso coñecido como Operación Jaro, que supuxo a suspensión de actividades da organización política Causa Galiza durante dous anos, e o inicio dun proceso xudicial contra nove militantes galegos, desenvolto na Audiencia Nacional española. Neste sentido, transmitimos a nosa solidariedade á organización e ás súas militantes directamente afectadas e reclamamos o seu dereito a militar e actuar política e socialmente nas claves que achen máis oportunas.

Entendemos que esta operación é indisociábel da evolución política do Estado Español e do capitalismo contemporáneo e enmarcamos estes acontecementos nun proceso máis amplo e extendido no tempo, que reforza as estruturas represivas e securitarias do Estado á vez que reduce as súas funcións sociais, frecuentemente coa excusa da persecución do terrorismo. Ademais, reafirma as teses sobre o carácter fraudulento e limitado da democracia resultante da Transición española. Esta caracterización fica ratificada pola continuidade da Audiencia Nacional como tribunal de excepción, a ausencia de liberdades democráticas plenas e a constante vixilancia e intervención policial das comunicacións e actividades públicas e privadas de diversas organizacións políticas, sociais e sindicais, nomeadamente a daquelas que reclaman a liberdade dos pobos, principal vector de ruptura e transformación social no Estado Español.

O noso país precisa un novo marco político e xurídico, un Estado propio e popular que garanta os dereitos e liberdades dos que hoxe carecemos. Mais tamén precisa, a curto prazo, de reforzar o proxecto global do movemento soberanista. Do contrario, estaremos expostos a operacións represivas de tanta ou maior intensidade como a que hoxe denunciamos.

Por todo isto, desde o Movemento Galego ao Socialismo, como máis unha organización pola independencia do noso país, animamos a participar na manifestación que partirá este día 24, ás 12h00, desde a Alameda de Compostela.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario