Concentracións da Plataforma Nunca Máis!

Ante a vaga de indignación que fixo espertar a vergoñenta sentenza do xuízo do Prestige a Plataforma NUNCA MÁIS vén de convocar para este venres, sexta feira, 15 de novembro ás oito de serán diversas concentracións por todo o país. De Isca! queremos dar soporte a estas mobilizacións contra a mentira e a impunidade e en defensa da memoria colectiva e da diginidade dun pobo que non esquece o que supuxo a catástrofe do Prestige e quen son os verdadeiros responsábeis da maior desfeita medioambiental que sufríu a nosa terra.

Do xuízo cuxa sentenza vimos de coñecer só podiamos esperar a condena de Apostolos Mangouras como bode expiatorio. Os verdadeiros responsábeis fican impunes porque nin sequera foron xulgados nin encausados máis teñen nomes e apelidos: Rajoy, Arias Cañete, López Sors, Fernández de Mesa, Trillo, Álvarez-Cascos, Fraga…todos eles continuaron a ocupar cargos de responsabilidade e de goberno após a súa nefasta, neglixente e tráxica xestión do caso Prestige. Proba disto son as frases que naquel momento soltaron os arriba citados e que quedaron gravadas na nosa memoria como cando o daquela Delegado do Goberno de España na Galiza Arsenio Fernández de Mesa dixo que “Probablemente el fuel no toque la costa gallega”, ou cando Federico Trillo, na altura Ministro de Defensa, falou de bombardear o petroleiro para destruír o fuel, ou os ben coñecidos “hilillos de plastilina” do actual Presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy.

Saímos e sairemos á rúa denunciar que o carpetazo ao caso Presige é unha farsa e un insulto á nación galega. CONTRA A SÚA IMPUNIDADE, POR PURA DIGNIDADE: MAREAS NEGRAS NUNCA MÁIS!

A continuación dispoñibilizamos a relación de lugares das concentracións da Plataforma NUNCA MÁIS:

  • A Coruña: Obelisco
  • Ferrol: Praza de Armas
  • Santiago: Praza do Toural
  • Lugo: Praza da Soidade
  • Monforte: Praza de España [esta concentración será ás 21h]
  • Ourense: Parque de San Lázaro, enfronte Subdelegación do Governo
  • Pontevedra: Praza Peregrina
  • Vigo: diante do Museo Marco, Rúa do Príncipe
  • A Estrada: Praza do Concello
  • Vilagarcia de Arousa: Praza de Galiza
  • Foz: diante do Concello
  • Ribeira: Praza do Concello
  • Cee: Praza 8 de marzo
  • Lalín: Praza da Igrexa
  • Londres: 21h no Consulado de España]

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario