Concentracións en defensa do ensino público

Ante a inauguración do curso escolar polos representantes educativos da Xunta de Galiza e do Goberno de España, acompañados polo xefe do Estado, o Rei Felipe VI, desde Isca! queremos facer as seguintes consideracións.

Afirmamos que o modelo do Estado Español xurdido da transición está a vivir hoxe un momento de creba, consecuencia, entre outros factores, do avance imparábel dos proxectos de corte independentista como puidemos comprobar hai 2 días nas colosais mobilizacións que tiveron lugar nos Països Catalans, desde o monumental V até as anteriores e posteriores convocatorias unitarias da esquerda independentista. Un proxecto imparábel que constitue nestes momentos a principal ameaza real ao Estado, sustentado na idea da indisoluble unidad.

Este foi, entre outros, un dos factores determinantes para a abdicación do Rei Juan Carlos I no seu fillo, Felipe VI. A figural real sempre foi vendida como símbolo de estabilidade e garante da igualdade e a democracia no Estado mais, ante o avance do pensamento de que a monarquía é unha institución obsoleta e retrógrada, presentan a un novo Rei supostamente respetuoso da multiculturalidade e acorde ás esixencias da socliedade moderna.

Tamén afirmamos que o sistema educativo é cada día máis precario e conta con máis carencias. O abandono, desmantelamento e a baixada da calidade do ensino oúblico é directamente proporcional ao apoio e potenciación que se fai do ensino privado, incluíndo tamén aqueles centros que segregan por sexos. A LOMCE non é máis que a plasmación das medidas do neoliberalismo no campo do ensino, o último e definitivo asalto do capital á ensinanza pública. Mercantilización, segregación, discriminación lingüísitica e españolización son os piares dunha lei impulsada por un Goberno Español que nos conduce irremediablemente ao abismo se non somos quen de derrotalos.

Por todo isto chamamos á mocidade galega a secundar as concentracións que se teñen convocado en repulsa da presenza de José Ignacio Wert, Jesús Vázquez e Felipe VI na inauguración do novo curso educativo no colexio Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar. Porque para construir ese novo ensino que queremos, galego e popular, debemos ter no noso poder as ferramentas acaídas, isto é, a soberanía de desmontar todas as estruturas opresivas coas que podamos cuestionar o sistema no seu conxunto e construír un novo desde abaixo. Temos o dereito a decidir, a decidir ser independentes, a decidir o modelo de ensino, a decidilo todo.

* Concentración en Ourense, a véspera da chegada do Rei, o 15 de setembro ás 20:00 horas na Subdelegación do Goberno.

* Convocados pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentrarémonos o día 16 diante do colexio Ben-Cho-Shey ás 12:00 horas en Pereiro de Aguiar

.

A ruína dun pobo!

En defensa do ensino público!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario