Conferencia Episcopal: Machista e Patriarcal

 confepisc2.jpgNovamente as mulleres sufrimos un ataque da Igrexa Católica e no seu nome da Conferencia Episcopal Española contra os nosos dereitos a través dunha campaña difamatoria e vergoñenta. Nesta ocasión a Conferencia Episcopal do Estado Español eleva a súa voz para lanzar unha campaña na que compara o dereito das mulleres a abortar libremente, isto é, a decidir sobre o noso corpo e a nosa maternidade, co asasinato de nenos, manipulando perversamente o necesario debate sobre unha Lei do aborto que o despenalice e garanta o acceso libre e gratuíto a esta práctica para todas as mulleres.

Con esta campaña na que se acusa ás mulleres de asasinar nenos co aborto, a Conferencia Episcopal amosa de novo o seu xeito de entender os dereitos das mulleres, negándonos a posibilidade de escoller libremente e asociando calquera decisión a súa moralidade cristiá na que as mulleres non somos máis que escravas do que outros teñan a ben decidir por e para nós.

A mesma Igrexa que cala ante as violacións de mulleres lesbianas para a súa “curación”, que excomulga a unha nena, a súa nai e aos médicos que a axudan a abortar tras unha violación ou que insiste en criminalizar o uso do preservativo e promove o seu veto en África, onde o SIDA mata millóns de seres humanos, e que resposta con silencio ante os casos de abusos sexuais practicados polo clero pretende agora dar leccións de moralidade á sociedade negando o dereito das mulleres a decidir sobre o noso corpo.

E ás mulleres quen nos protexe?

Quen protexe os dereitos das mulleres? E o noso dereito irrenunciábel a dispor e decidir sobre os nosos corpos? E o noso dereito a que ninguén, e moito menos a Igrexa Católica, decida sobre as nosas vidas? Quen que non sexamos nós mesmas pode decidir sobre o que queremos ser e cómo queremos vivir as nosas vidas?

Hai un ano a dereita e a Igrexa emprenderon unha campaña coa que finalmente, e coa conivencia xudicial, obrigaron ás mulleres que tiñan abortado a presentarse diante dun xuíz a dar explicacións sobre a súa decisión e emprenderon unha campaña de persecución contra aquelas mulleres que decidiran interromper os seus embarazos e os médicos que as axudaran. Naquel momento unha forte resposta do movemento feminista levou a miles de mulleres e homes a autoinculparse das acusacións as que foron sometidas. A esixencia foi clara: Aborto libre e gratuíto na sanidade pública para todas.

Agora lanzan esta campaña na que nos atacan a todas, din que somos unhas asasinas de nenos por querer decidir sobre o noso corpo, sobre o noso futuro. Velaí o seu problema, que as mulleres teñamos capacidade para decidir, que exerzamos o dereito a escoller o noso futuro, a vivir as nosas vidas desde a liberdade e sen pedir permiso, nin a eles nin a ninguén.

Desta volta a resposta do movemento feminista ten que ser moito máis contundente, cómpre artellar unha resposta firme para deixar claro aos que pretenden decidir por nós que non imos tolerar ningunha acusación máis sobre o exercicio dos nosos dereitos, que non imos deixar que ninguén cuestione que é a nosa decisión e que a loita feminista non descansará até construír entre todas un mundo máis xusto no que cada unha de nós sexa libre para decidir como quere vivir a súa vida.

A resposta é clara: Aborto libre e gratuíto na Sanidade Pública para todas.

Sobre os nosos corpo só decidimos nós.

Ante as imposicións morais e sociais da Igrexa nin un paso atrás. Adiante coa loita feminista!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario