Nas inmediacións da capital do país deuse cita a militancia do MpB para marcar o colofón do proceso constituínte da organización soberanista. Após pouco máis dun ano da aparición pública do Movemento, o devandito encontro destacou, para alén do número das e dos presentes, polo amplo abano xeracional e de representación multisectorial existente, a ilusión medida a respeito da andaina que ten diante de si a nova organización e polo profundo debate desenvolvido, substentado nas máis de cen emendas que se apresentaron á ponencia oficial.
E é que, recollendo parte do que nos documentos da organización se recolle, “…cremos nun colectivo militante no que non existen debates dados nin ideas preconcebidas, do mesmo xeito que non existen propostas proscritas nen censuras previas sobre nada ou ninguén. Dentro dos parámetros da esquerda revolucionária, anticapitalista e independentista nos que nos situamos, todo é debatíbel tanto a nivel táctico como estratéxico, de xeito leal e construtivo”.
O Movemento, como “…unha organización da Clase Traballadora que asume como principios e obxectivos os intereses estratéxicos da Clase Obreira Galega…”, encádrase na loita pola plena soberanía nacional de Galiza e “… pola superación do capitalismo através da construción do poder popular no camiño da sociedade socialista”; ratificando a firme aposta pola superación das vellas formas de participación política que favorecen a unha auto-intitulada “clase política”, en favor da independencia nacional e a transformación e xustiza social.
O MPB recoñe como movemento nacionalista as organizacións que traballan, desde a autoorganización, pola superación, en chave soberanista, do marco político imposto á Galiza. Neste senso, farase unha aposta firme por ultrapasar o sectarismo actual e recuperarmos o sentido do movemento e familia nacionalista, onde diferentes organizacións traballan por un obxectivo que, con todos os matices que cumpran, é compatíbel nas loitas diarias da etapa actual.
Contodo, o MpB participa do BNG e polo tanto recoñéceo como a única organización política na cal traballar desde unha perspectiva estritamente política, electoral e institucional. Aínda así, somos conscientes dos graves problemas de identidade que está a padecer a dirimencia da organización frontista, polo que o Movemento entende como prioritario no BNG “….rematar coa deriva liquidacionista que a quer homologar a calquer outra forza política do sistema e renunciar aos seus principios transformadores e de superación do actual marco político-xurídico”.
O encontro constituínte rematou coa elección da nova Mesa Nacional, conformada por once persoas ás que se lle sumarán os representantes das diferentes zonas, e o canto da Internacional e o Hino Nacional.