Na Galiza, como nación oprimida polo Estado español, a forma en que as comunistas contribuímos á construción da sociedade sen clases é, necesariamente, a través dunha praxe independentista que faga das clases populares, coa clase obreira á fronte, o suxeito de transformación.
Estas son as conclusións ás que chegou o movemento soberanista que, desde o franquismo, conxugou loita social, da man do marxismo, e loita nacional, construíndo un entramado de organizacións e iniciativas para acumular poder popular de cara á emancipación do noso pobo. Recoñecémonos nesa fonte e queremos seguir anovando unha teoría e unha praxe que nos achegue efectivamente á ruptura co capitalismo.
Da necesidade de ocupar ese lugar dentro dun movemento amplo xorde Isca!, no 2006, como unha expresión organizativa da mocidade comunista de praxe independentista. Daquela, o contexto de autonomización e renuncia ao conflito social e nacional que caracterizou o período de goberno do bipartito motivou o noso nacemento. Hoxe, se ben as circunstancias son diferentes, continuamos a acreditar e referendamos a vixencia do noso proxecto político na Galiza de 2024, porque continúa a existir a necesidade de estarmos organizadas dentro dos espazos en que participamos, porque continúa a ser preciso recordar os límites do marco estatal, económico e institucional en que vivimos; porque continuamos precisando deseñar colectivamente as tácticas que nos achegarán ao noso horizonte estratéxico.
Hoxe, ante a subordinación da vida ao traballo asalariado, o desastre ecolóxico, o horizonte de guerra imperialista e a imposición do xénero, existe a necesidade urxente dunha alternativa de liberdade. A nosa aposta é a dunha escola de cadros que prime a formación e a incidencia organizada nos espazos de masas, que achegue o noso discurso e as nosas posicións ás capas populares organizadas e non organizadas no soberanismo galego.
Queremos colocar a nosa enerxía e capacidade colectiva ao servizo do enriquecemento teórico do noso movemento, bebendo das fontes do marxismo e entrelazándoas con novas perspectivas en materia de feminismo, loita LGBT, ecoloxismo. Dotándonos das ferramentas formativas no presente pretendemos contribuir, xuntas, ao horizonte comunista.
Organizámonos, porque sabemos que a organización é a clave da vitoria.
Construamos a utopía!