Contra a constitución española, pola República Galega

 

O Réxime do 78 segue plenamente vixente 40 anos despois, retroalimentándose cada día -como puidemos ver o pasado domingo nas eleccións andaluzas- da dereita neofranquista, da nova dereita liberal e da vella -pero tamén da nova- socialdemocracia españolista. Desde Isca!, na liña histórica do movemento nacional-popular galego dende os anos 70, posicionámonos en contra da Constitución Española.

Corenta anos despois da aprobación da Constitución, o Reino de España séguenos condenando a un réxime capitalista baseado na falta de liberdade para a clase traballadora e os diferentes pobos do estado, con nulos valores democráticos, militarizado, monárquico, que nega a existencia das nacións oprimidas por este cárcere constitucional e que garante un sistema económico inxusto para as maiorías sociais. A mocidade galega continúa a sufrir unha orde socioeconómica ideada e dirixida por e para as elites da burguesía española, seguidoras e continuadoras do réxime franquista. A Constitución utilízase como base xurídica e ideolóxica para lexitimar o Réxime do 78. De feito, a mesma está totalmente ideada para crear un ambiente seguro para os partidos españolistas e criminalizar os diferentes movementos independentistas e populares. Ademais, dita constitución crea unha orde social inalterable e conservadora onde os cambios e transformacións democráticos e republicanos son inviables como vimos o pasado 1 de outubro de 2017 en Catalunya.

A propaganda do réxime lémbranos, nun exercicio de manipulación histórica, a Transición española como referente democrático e de liberdade cando a única alternativa que se ofrecía ao pobo era esta Constitución ou a continuación da ditadura. Non se deron voz a outras posibilidades republicanas e que recoñecesen o dereito a autodeterminación das nacións sen estado. O Estado Español, os medios de comunicación e as elites políticas e económicas fixeron o seu papel ao longo destas décadas difundindo o espírito da Transición idealizada e reprimindo aos movementos políticos contrarios a esta.

Debemos lembrar que por moito que nos poñan a Transición como o grande exemplo de paso da ditadura a democracia, a redacción da Constitución realizouse despois de 40 anos de ditadura militar e, despois de morto Franco, seguíase a ameazar cada mínimo intento de reforma coa permanente pantasma dun novo golpe de estado como o de 1936. Durante todos estes anos existiu a ameaza da involución militar ao tempo que as forzas de ultradereita reprimían con axuda dos diferentes gobernos da transición os movementos populares, nacionalistas e independentistas.

Por iso desde a mocidade rebelde galega cremos na loita pola soberanía nacional: é preciso destruír o réxime do 78, queimar a súa constitución española e rachar coas súas normas. Este sería o primeiro paso preciso para alcanzar a liberdade do noso pobo.

Desobedezamos ás institucións, rachemos coa hexemonía da burguesía española e deslexitimemos a súa Constitución que nos nega o dereito a existir e a vivir como mocidade galega nunha terra liberada e cun futuro digno, condenándonos a emigración e a precariedade.

Rachemos co seu réxime do 78! Con España non temos futuro!

Independencia!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario