Contra a Normativa de Permanencia na USC

A seguir reproducimos o comunicado difundido pola Liga Estudantil Galega denunciando aprobacioón da normativa de permanencia na USC, que supón unha importante agresión contra o estudantado:

Tras a aprobación no último Consello de Goberno da USC da normativa de permanencia para titulacións adaptadas ó EEES, desde a Liga Estudantil Galega queremos facer público o noso posicionamento en contra, así como unha análise das mesmas.

En primeiro lugar, a actual figura de “non presentado” -nas materias matriculadas das que non se participa no proceso de avaliación- queda invalidada para as carreiras adaptadas ao EEES, calificándose a partir de agora como suspenso, segundo figura no artigo 5 da propia normativa. Esta modificación supón un problema para o estudantado, en especial tendo en conta que ao correr convocatoria, os prezos da matrícula soben e a calificación do expediente diminúe.

Por outra banda, a partir do vindeiro curso deberemos matricularnos nas materias pendentes de cursos anteriores. Non poderemos, asemade, matricularnos de 4º curso tendo materias pendentes de 1º, o que na práctica impide que sexamos nós quen xestionemos o noso plano de estudos e devolvéndonos a un modelo paternalista semellante ao de Ensino Medio. Esta modificación supón, ademais, diversos problemas asociados: non se dá solución a aquelas persoas ás que lles coincidan os horarios (tanto de clases coma de exames) en materias de diferentes cursos, chegando a ser normal que corran convocatorias sen poder sequera examinármonos delas.

Aparece tamén un grave problema para aqueles e aquelas estudantes que reciban unha bolsa de mobilidade (Erasmus, Séneca ou convenio bilateral), xa que a planificación de materias dese curso ten que corresponderse coa universidade de destino e, xeralmente, hai que matricularse de materias de diversos cursos -algo que esta nova normativa invalida-. Así, haberá xente que ao volver da súa estadía a finais de xuño, terá exames de materias pendentes a comezos de xullo, unha situación que dende logo non fomenta a “internacionalización” coa que se nos vendeu Boloña.

Nesta mesma normativa establécense, ademais, os parámetros para a avaliación do Traballo de fin de Grao. A este respecto, será obrigatorio ter aprobadas todas as materias da carreira para poder defender dito traballo, é dicir, poderemos matricularnos en 4º (traballo de fin de grao incluído) e, se suspendemos unha materia, non teremos dereito a defendelo até xullo, perdendo o dereito a unha convocatoria que xa teriamos pagada- ou mesmo tendo que esperar un ano-. Esta situación non é tan só un suposto, senón que xa se deu este mesmo ano na Facultade de Económicas (única carreira na que se implantou o conxunto do Grao no mesmo ano), tendo que resolverse baixo resolución reitoral, despois da presión exercida polo propio estudantado afectado xunto con representantes da Liga Estudantil Galega, e quedando como precedente do caótico que supón esta medida.

Por estes motivos, os tres membros presentes no Consello de Goberno da Liga Estudantil Galega votaron en contra da normativa de permanencia, xunto cun compañeiro dos Comités, os tres PAS da Trabe e un único voto de entre o profesorado.

Consulta o borrador da normativa aquí.

logo-liga.png

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario