A politica ultraliberal do Partido Popular nunca tivo reparos en empregar a carta branca da maioría absoluta para, sen a pexa de escoitar a sociedade, especular co patrimonio de todas e todos; ben sexa cultural ou natural.
Hoxe temos un bo exemplo na vila de Celanova, onde o seu rexedor Antonio Mouriño –ao máis puro estilo Manuel Fraga coa Cidade da Cultura no Monte Gaiás- semella ter soñado con privatizar o patrimonio histórico-cultural, creando un Hotel-Monumento no mosteiro benedictino erixido a mediados do século X polo pacificador do Reino de Galiza (San Rosendo), e cedido á xestión do Concello para o seu uso público tras a desamortización de Mendizábal. Este proceso pasa por desaloxar da actual localización o Centro de Ensinanza Secundaria, un centro social da 3ª idade, o salón de actos municipal, salas de conferencias e exposicións, dependencias de diversos usos, etc…
Celanova conta con si mesma unha vez máis para non perder o que é seu. A vila naceu e medrou a carón do mosteiro, e os veciños organízanse unha vez máis para que unha puxa non o poña en mans, coma naquel ano de 1836, cando se creou o Concello de Celanova e este fíxose partícipe do sentir e as necesidades reais do pobo e se enfrontou ao poder do estado. Un grande traballo de loita fronte a Administración Xeral de Bens Expropiados e fronte ao Xefe político en Ourense, defendendo que o mosteiro tiña que pasar a mans do pobo e acoller os servizos básicos para a vida da comunidade. E o pobo daquelas non perdeu o que é seu.
Ante a axitación social que todo este tema ergueu, un movemento cidadán unificado na “Plataforma pola Defensa do úso Público do Mosteiro” (http://ensinomosteiro.blogspot.com/ ) creada por diversas asociacións e organizacións de toda condición e ámbitos de actuación, a barbarie especulativa non tivo reparos en empregar fondos públicos para contrarrestar o xaque mate argumentario no que está envolta. O envio por correo postal a todas as veciñas e a todos os veciños de Celanova dun bando informativo a dobre folio cos argumentos cos que o Alcalde pretende xustificar a construción dun hotel de luxo, céntranse na difamación e na mentira sobre a situación das dependencias do centro de ensino. Na batería de argumentos está recollida a falsa realidade dun centro que non recolle solucións arquitectónicas de accesibilidade e a dun centro que non é idóneo para o ensino. Nos argumentos recolle que “para deselvolver un proxecto turistico global en Celanova” é unha necesidade este hotel.
Máis o que non se entende é como se xustifican por parte do rexedor de Celanova diversas actuacións ao longo destes anos á marxe das demandas da veciñanza. Como se vé quen de xustificar obras realizadas durante a súa xestión e capricho, de enorme cuantía e sen servizo para o pobo, e que cos proxectos presentados por el mesmo perden sentido? Hoxe en día Celanova semella construirse en cartón-pedra, xa que chea de obras conclusas, con servizos duplicados, mais non inaugurados (e sen viabilidade nin necesidade) non dispón do servizo público destas obras, nin ten as infraestructuras demandadas abertamente polos veciños durante os últimos 20 anos.
Todo esto amosa a improvisación da especulación coa que nos (des)goberna a dereita en moitos dos concellos máis pequenos do noso país. Nesta vila, mesmo na comarca, escenificanse a dramática traxectoria do descenso e despoboamento do rural ao longo das últimas décadas, a escaseza case total dun emprego “non público”… e as escasas ou mesmo nulas políticas desenvolvidas para ivertir esta situación. Semella que por excelente utilidade a dereita mantén e mesmo potencia un sistema neofeudal nestes eidos, xa que a xente ten que exiliarse ás cidades, e moitas veces do noso país, para procurar emprego cando non se humilla a renderlle pleitesía á señora Alcaldesa ou ao señor Alcalde de turno para un precario emprego no concello…