Non é nin moito menos atrevido afirmar que a violencia e a brutalidade son as dúas caras que o Estado Español mostra a quen ouse enfrontalo. Vímolo comprobando en innumerables ocasións nos últimos anos coa crecente represión contra todo movemento de protesta, de resposta social por mínima que sexa. Identificacións, sancións ou agresións son os piares fundamentais nos que se asenta a política represiva do Estado para cos movementos sociais ou organizacións políticas transformadoras .
A aplicación de medidas de excepción baseadas na lexislación chamada “antiterrorista” executadas pola Audiencia Nacional, herdeira directa do Tribunal de Orde Público franquista, a permisividade coas torturas ás detidas e as enormes campañas de criminalización son unha constante en diferentes puntos do Estado Español. Unha estratexia moi ben deseñada para calar, para silenciar, para debilitar ás organizacións que loitan polos dereitos dos pobos e, por outra parte, para crear unha alarma social ficticia para xustificar novas e máis brutais medidas contra o conxunto dos movementos de liberación nacional e social.
No seu día xa denunciamos que o xuízo que se celebrou os pasados 24 e 25 de xuño na Audiencia Nacional contra 4 cidadás galegas, contra 4 independentistas, non era máis que a finalización dunha campaña de xudicial, mediática e política contra o independentismo galego, asimilándoo coa violencia e abrindo a porta a futuras ilegalizacións de organizacións políticas e sociais.
Onte vimos de coñecer a sentenza xudicial e de comprobar que, máis unha vez, xustiza no Estado Español non é máis que un termo baleiro sen significado algún. Denunciamos que os dereitos elementais foron claramente vulnerados no proceso, reclamamos que poña fin a todas a medidas de excepción coa derrogación da lei “antiterrorista” e que remate dunha vez por todas a dispersión penitenciaria, as torturas e a aplicación discrecional da prisión preventiva.
Por todo isto, comparecimos publicamente hoxe xunto con diversas organizacións políticas e sociais reclamando o fin deste tipo de medidas e dos xuízos coma este, nos que non se xulgaron feitos senón ideas. Non podemos permanecer indiferentes ante a negación dos dereitos e as montaxes mediáticas e xudiciais que pretenden debilitar o conxunto do movemento nacionalista e independentista.
Contra a represión, solidariedade e loita!
O comunicado colectivo lido esta mañá:
1º Rechazamos a brutalidade represiva do Estado español que se evidencia na sentenza ditada onte contra catro independentistas galeg@s. Condenalos a penas de 10 e 18 anos de prisión é unha barbaridade represiva dun punto de vista democrático perpetrada por un tribunal que carece das máis mínimas garantías xurídicas esixíbeis e realiza xuízos políticos. É significativa esta contundencia penal contra quen defenden un lexítimo ideario político, mentres ladróns de garavata, corruptos, saqueadores do erario público, incendiarios organizados, etc. campan ás súas anchas.
2º A creación xurídica, por parte da Audiencia Nacional, dunha suposta “organización terrorista” a operar en Galiza é, en mans dun Estado obsesionado coa súa propia “integridade territorial” e coa criminalización e persecución dos procesos soberanistas, un instrumento represivo de primeira orde que levanta a veda para criminalizar e penalizar organizacións sociais e políticas de signo nacionalista, contradí as explicacións dadas polas persoas condenadas durante o xuízo e é contraria ao sentir absolutamente maioritario da sociedade galega. Con esta sentenza, encontrámonos ante a importación para Galiza da antidemocrática Ley de Partidos.
3º Valoramos que esta sentenza, que evidencia o trunfo das teses mais regresivas para unha abordaxe en termos penais e policiais das posicións soberanistas, é unha sentenza política e pretende abrir as portas para a criminalización das persoas e organizacións que reivindicamos lexitimamente a soberanía nacional do noso país e a solidariedade coas persoas presas.
4º Chamamos á sociedade galega a concentrarse hoxe ás 20:00 h. en rexime de auto-convocatoria nas vilas e cidades do noso país para expresar o noso rechazo frontal a este salto cualitativo que, coa sentenza de Madrid, acaba de dar a represión política. Hoxe, a solidariedade, por riba de siglas e de diferencias políticas e ideolóxicas, é unha obriga de calquer demócrata frente a un Estado corrupto e antidemocrático que avanza nun proceso constante de fascistización. Neste sentido, animamos á sociedade galega a estar pendente das próximas convocatorias solidarias que se realizarán