Contra o bloqueo a Cuba e pola liberdade dos cinco

O pasado sábado 14 de setembro, coincidindo coa concentración pola liberdade dos cinco patriotas cubanos presos en Estados Unidos, varias organizacións políticas asinamos e fixemos nosa unha resolución condenando o bloqueo a Cuba e demandando a súa inmediata liberdade. Reproducimos a continuación o comunicado na súa totalidade:

Varias organizacións políticas e sociais galegas reclamamos a liberdade para os cinco patriotas cubanos (Antonio Guerrero, Fernando González, Gerardo Hernández, Ramón Labañino e René González) presos inxustamente desde hai 15 anos en Estados Unidos por terse infiltrado nos grupos terroristas de Miami, causantes, entre outras matanzas, da morte, en 1976, dos 73 pasaxeiros dun avión civil no que viaxaban deportistas cubanos e estudantes da República de Güiana.

Un dos organizadores do atentado, Luis Posada Carriles, confesou a súa participación na matanza nunha entrevista a The New York Times publicada o 12 e 13 de xullo de 1998. A pesar desa confesión pública, Posada Carriles vive en liberdade en Estados Unidos, gozando incluso de homenaxes públicas nas que participan destacados políticos, como a congresista Ileana Ros-Lehtinen ou o senador Marco Rubio.

Nas circunstancias de impunidade nas que se moven os grupos terroristas en Miami, estes cinco patriotas cubanos aos que hoxe queremos mostrar o noso apoio tiñan como única misión obter información para evitar novas matanzas.

Así mesmo, reclamamos a fin do bloqueo económico imposto por EE UU a Cuba desde hai máis de 50 anos e condenado pola ONU en 21 ocasións (a última, en 2012, con 188 votos a favor e 3 en contra) por ser contrario á propia carta fundacional das Nacións Unidas e ao dereito internacional.

Os danos económicos ocasionados polo bloqueo suman preto de 100.000 millóns de dólares. Ningunha empresa lle pode vender un produto a Cuba se o dez por cen dos seus compoñentes son fabricados en EE UU, incluíndo material humanitario, como os medicamentos e os equipos médicos. Ningunha empresa lle pode vender a EE UU un produto se este leva algún compoñente cubano. Cuba non pode usar o dólar nas súas transaccións nin recibir créditos dos organismos financeiros internacionais.

Por esas razóns, como organizacións que actuamos en favor dun mundo máis xusto, reclamamos a liberdade dos Cinco por seren un exemplo de entrega á defensa do máis xeneroso dos ideais, protexer a vida das persoas, e a fin do criminal bloqueo.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario