Contra o crime dos desafiuzamentos

Unha das consecuencias da crise económica que estamos a vivir é a situación de desprotección á que se ven sometidas cada vez máis persoas, como consecuencia do capitalismo máis salvaxe. Un dos máximos expoñentes desta situación é a perda da vivenda, acompañada dun contexto onde cada día se reducen máis os servizos públicos mentres as desigualdades sociais aumentan e sitúan ás clases populares en situacións de absoluta desesperación.

Mentres, desde o goberno español e desde a Xunta véndennos falsas receitas para superar a crise, solucións ilusorias inspiradas no mesmo paradigma capitalista que é responsábel da situación e que só fan afondar nel. Así, mentres a banca recibe miles de millóns de euros para o seu rescate, a nós envólvennos nunha débeda hipotecada co noso futuro e que xa se está a pagar coa eliminación dos dereitos que fomos conseguindo, como a sanidade ou a educación públicas. A banca segue a recibir cartos a cambio de nada e, malia ser quen orixinou o problema dos desafiuzamentos ao xerar e alimentar un mercado fraudulento arredor da vivenda, non se lles obriga a adoptaren medidas reais para resolvelo e permíteselles qe sigan executando hipotecas e deixando na rúa familias enteiras sen contemplacións.

Ademais, o aumento do paro, os recortes de salarios e pensións ou o aumento das taxas dos servizos públicos só fan empeorar a situación das clases populares, situando como vítima da crise aos que ningunha  responsabilidade temos dela. As mozas e mozos revolucionarios somos conscientes da gravidade desta situación e vivimos día a día como é practicamente imposíbel conseguir un traballo que nos permita empanciparnos e ser autosuficientes, non depender doutras persoas ou poder axudar economicamente aos nosos de o precisaren. Os gobernos do PP e do PSOE son responsábeis destas situacións e cómplices do freo das posíbeis solucións. É obvio que non funcionan nin este marco político nin este sistema e que é urxente e preciso construir alternativas que camiñen cara un modelo socialista nunha Galiza soberana.

Diante de todo disto, a clase obreira temos que organizarnos e loitar por solucións reais contra os desafiuzamentos e outras agresións. Este 28 de decembro, as plataformas locais contra os desafiuzamentos concentráronse nas principais cidades do país e desde Isca! queremos apoiar a súa denuncia da lexislación hipotecaria, a esixencia de responsabilidades políticas e penais no conxunto da banca estatal, a paralización de todos os procesos de desafiuzamento e a implementación de saídas alternativas para estas situacións.

Na cidade de Ourense, aproveitamos a xornada de loita deste 28 de decembro e o contexto do Nadal para construír a nosa propia árbore reivindicativa e denunciar simbolicamente esta situación.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario