Contra o goberno e a patronal, FOLGA XERAL!

fx.pngIsca! comezou a súa campaña pola folga xeral, coa que daquí ao 29 de setembro difundirá entre a mocidade galega esta convocatoria de resposta ás medidas regresivas impostas polo goberno da man da patronal. De Isca! chamamos a participar masivamente desta convocatoria dándolle un claro contido nacional e de clase, da man do sindicalismo nacionalista e combativo representado pola CIG. Queremos transmitir a necesidade de mobilizarse para que o capitalismo non nos faga pagar a súa crise e a urxencia de organizarse para combater o sistema, para o que levaremos a cabo un intenso labor de axitación e propaganda. Este é o texto da campaña:

 

Unha crise do capitalismo neoliberal

Como consecuencia das súas propias limitacións, acentuadas polas prácticas especulativas da súa fase neoliberal, o sistema económico baixo o que vivimos entrou en crise, o que supuxo que non foi capaz de manter o seu ritmo de crecemento, e por tanto de enriquecemento por parte da minoría que o xestiona. A receita que os poderosos nos ofrecen para “saír da crise” (saíren eles, enténdase) é recortar dereitos sociais e golpear aínda mais os sectores que xa de por si mais estamos a sufrir os efectos desta situación.

Diñeiro para os bancos, recortes para as clases populares

As primeiras medidas por parte do goberno español non foron moi diferentes das aplicadas por outros gobernos europeos, sendo as mais duras curiosamente as aprobadas por gobernos supostamente “socialistas” (Portugal, Grecia…), aos que lles tocou de novo defenderen o sistema capitalista do que son comparsa mentres traizoan as súas siglas. Pouco despois de regalar cantidades astronómicas de diñeiro ás entidades financeiras, as rendas mais baixas son as máis castigadas polos recortes anunciados (rebaixas salariais, conxelación das pensións, retirada de axudas…), mentres se evitan medidas realmente progresistas como unha reforma fiscal, a aposta pola banca pública ou o aumento do gasto social. A súa solución pasa por empobrecer as clases populares para que os ricos podan seguir sendo ricos.

Unha nova reforma laboral en favor da patronal

Como era previsíbel, o goberno do PSOE acabou por facer exactamente o mesmo que prometera non facer: aprobar unha nova reforma laboral que resta dereitos á clase traballadora. É unha das máis duras que se lembran: facilítase o despedimento, poténcianse aínda máis as ETT’s e atácase a negociación colectiva. Ademais, amplíanse os modelos de contrato mais precarios e indignos, como os formativos e en prácticas, o que incrementará xunto coas demais medidas as xa habituais condicións de explotación da maioría da mocidade traballadora. Por último, vemos como se volve axitar a pantasma do retraso da idade de xubilación, que se pretende fixar nos 67 anos. Xa tiñamos motivos abondo, pero con esta reforma temos aínda moitos máis para paralizar o país e tombar estas medidas reclamando un cambio de modelo.

O capitalismo non funciona!

Sabemos que en estado “normal”, o capitalismo condena a maioría da humanidade á miseria, provoca guerras imperialistas para garantir os seus mercados e esquilma os recursos do planeta. En crise, nin sequera está disposto a manter boa parte das conquistas do chamado “estado do benestar”. Debemos ser capaces de ligar o combate aos recortes sociais e á perda de dereitos con un cuestionamento radical do propio sistema, responsábel último da situación que estamos a vivir. É o momento de difundir un discurso consecuentemente anticapitalista que cree consciencia arredor da necesidade de cambiar as bases económicas sobre as que se artella a nosa sociedade. E todo isto nunha nación sen Estado como a nosa, na que ademais debemos evidenciar como a carencia de soberanía nos impide dispor de ferramentas propias coas que enfrontar a crise en favor dos nosos propios intereses.

É tempo de organizarse e loitar

Sabemos que é posíbel inverter a actual tendencia e forzar un cambio na correlación de forzas entre traballo e capital.A clase traballadora da nosa nación conta por sorte con unha ferramenta de resistencia e loita que compre fortalecer especialmente ante estas novas agresións: a Confederación Intersindical Galega (CIG). O sindicalismo nacionalista encarna un modelo sindical combativo e non pactista, que acredita na loita de clases e que leva ás rúas a batalla por un novo modelo socio-económico. Debemos portanto implicarnos na súa convocatoria de folga xeral, pasando por riba das dinámicas conciliadoras das centrais sindicais españolas (CC.OO e UGT) que retrasaron a folga xeral todo o que puideron, nunha nova demostración do papel real que xogan como peóns útiles do poder.É tempo de erguer alternativas claras tamén a nivel político, reforzando no BNG un discurso claro en favor da clase traballadora que sitúe no primeiro plano a defensa dos seus intereses. Trátase de devolver o protagonismo que lle corresponde aos sectores maioritarios da poboación, que son os que están a ser mais golpeados e que teñen a capacidade de converterse en suxeito de transformación da nosa realidade.

Unha alternativa para a nosa clase: un futuro socialista

Veñen tempos de resistencia, pero tamén de ir construíndo alternativas de futuro que rachen con este sistema que nos condena á explotación. O horizonte é o socialismo, pois o futuro teremos que construílo sobre novas bases de xustiza, igualdade, liberdade e democracia real.

Porque somos mais, porque a nosa loita é xusta. Organicémonos desde xa para resistir e vencer!

 

>Descarga o cartaz en cor<

>Descarga o cartaz en branco e negro<

 >Descarga o Rebater da Folga Xeral<

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario