Contra o paro e a emigración, máis mobilización

O vindeiro mércores 16 de xaneiro, a CIG convoca mobilizacións nas cidades galegas (ás 12 h, diante dos edificios da Xunta de Galiza das sete cidades -agás Ourense, que será ás 20 horas, diante da subdelegación do goberno-) en protesta contra o crecente desemprego da mocidade e a condena deste sector á emigración. Desde Isca! apoiamos esta mobilización, como vimos facendo con todas as do sindicato nacionalista de clase, mais facemos un chamamento especial á solidariedade obreira coa mocidade precaria.

Soa a tópico, mais é certo: a mocidade somos o futuro da nosa terra. Non podemos permitir, pois, máis abusos sobre a nosa situación. Como xa temos denunciado, as clases populares non temos responsabilidade na crise económica e sistémica mais, porén, somos quen máis a estamos a pagar, nomeadamente as máis novas. Nos últimos anos véñense disparando as cifras do desemprego xuvenil, así como as cifras de emigración dos máis novos. Esta situación agravouse coa crise, que se emprega para xustificala e situala como inevitábel. Mais a nós non nos enganan, somos conscientes de que a destrución do emprego e a desatención á mocidade foron unha constante dos últimos anos de goberno do PP na Xunta e do PP e o PSOE no Estado. As sucesivas reformas laborais, ideadas para o beneficio do capital e a perda de dereitos laborais das traballadoras, canda outros factores coma o non investimento na creación de emprego ou a privatización progresiva dos servizos públicos foron o caldo de cultivo ideal para a situación actual.

As altas cifras de mozos e mozas que están en situación de desemprego ou emigran son cada vez máis altas, como ilustra o estudo elaborado pola CIG  e son un bo indicativo de que a xestión da crise polos partidos sistémicos está a ser nefasta e de que non é posíbel edulcorar nin reformar o sistema capitalista, causa desta situación.

No día a día, os medios de comunicación dedícanse a difundir a idea dunha mocidade apática, que nin estuda, nin traballa, nin loita e a mocidade comunista e independentista imos demostrar que están equivocados, que esiximos un futuro na nosa terra e esixímolo con condicións e que malia a vaga de represión e criminalización da resposta social imos seguir a pé de rúa defendéndonos. A inxustiza e a desesperación só poden vencerse coa loita obreira e a axitación social, por iso chamamos a partipar das mobilizacións e a organizarse nas coordenadas do soberanismo e a esquerda transformadora. Porque coa forza da mocidade, Galiza ten futuro!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario