Contra o saqueo e o empobrecemento, defendamos o emprego na nosa terra!

A ofensiva imparábel do capitalismo e das políticas de dereita de quen ostenta o poder tanto na Xunta de Galiza como no goberno español, fieis seareiros das medidas neoliberais ditadas desde a Unión Europea, non fan máis que verquer miseria na vida das clases populares. Así, tal e como vimos denunciando desde a esquerda soberanista, a destrución do emprego continúa en caída libre. Malia as falsas melloras dos datos de ocupación, falseadas polo traballo precario e estacional que acompaña á chegada do verán, sabemos que o desemprego só fai aumentar coas sucesivas reformas laborais, acompañado de preocupantes datos de abandono do país, especialmente entre as persoas máis novas, tal e como temos denunciado.

Diante desta situación de desesperación, só cabe a concienciación e a axitación social, por iso desde Isca! chamamos á mocidade a ser rebelde e combativa e a sumarse a iniciativas como as folgas e mobilizacións comarcais que está a impulsar o sindicalismo nacionalista de clase organizado na CIG. O vindeiro mércores 12 de xuño está convocada unha Folga Xeral comarcal en Ferrolterra, que continúa sumando apoios entre os traballadores e traballadoras da zona e que baleirará os centros de traballo para inzar as rúas reclamando solucións de urxencia para unha situación extrema. Este mesmo mércores, terán lugar diferentes manifestacións en varias comarcas, na defensa do emprego e a prol de solucións para as problemáticas concretas dos diferentes sectores e industrias de cada zona.

A mocidade comunista organizada en Isca! chamamos á rebelión contra o roubo do futuro ao que estamos sendo sometidas, exiximos o dereito a termos un traballo digno que nos permita vivir na nosa terra e escoller sobre a vida que queremos. Tal e como denuciamos reiteradamente, as nefastas políticas laborais e de recortes que se teñen levado a cabo nos últimos tempos reveláronse ineficaces e contraproducentes. Non podemos permitir nin estas nin outras medidas que experimenten co noso futuro ao antollo do poder. É imprescindíbel un cambio fondo, de raíz, que destrúa un sistema apodrecido e inxusto, o capitalismo, para erguer unha alternativa máis xusta na que sexa posíbel termos ese futuro digno na nosa terra que arelamos, o socialismo. Por iso, é imprescindíbel non caermos na apatía á que nos empurra o sistema e rebelarnos no día a día, saír á rúa e serlles incómodas a quen provocan a nosa miseria até vencelos.

O emprego deféndese loitando!
Futuro digno na nosa terra!

Mobilízate coa CIG:

Ferrol: ás 12:00h desde a Praza do Inferniño: manifestación unitaria da folga xeral comarcal

Vigo: ás 20:00h desde Vía Norte

Compostela: ás 20:00h, desde a Praza Roxa

Ribeira: ás 20:30h desde a Praza do Peixe

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario