Desde Isca! queremos transmitir o noso apoio á Plataforma en Defensa da Ría de Sada, que nos últimos tempos se reactivou con motivo da aprobación do PXOM do Concello e, máis recentemente, debido ao anuncio da construción dun falso túnel de 200 metros de lonxitude, financiado con 25 millóns de euros do erario público e que busca conectar Sada coa vía ártabra.
A zona pola que decorrería o falso túnel suporía un dano irreparábel na contorna do concello, arrasando co lugar de Fontán e o seu castelo, ademais da máis que previsíbel desaparición da praia de Morazón. Xa acostumados a este tipo de argumentos ante calquera desfeita ambiental, a Consellaría de Medio Ambiente da Xunta, aínda recoñecendo o alto impacto ambiental e social, xustifica o proxecto para “potenciar” a actividade económica da dársena de Sada. Fontes da propia Plataforma afirman que a día de hoxe está baixo mínimos e que un proxecto de tal calibre non é xustificábel para o mínimo número de camións que saen do porto de Sada á semana.
Para máis, o impacto paisaxístico é terríbel, tal e como se pode apreciar na foto que simula o proxecto.
Por iso, desde Isca! queremos dar o noso apoio ás seguintes convocatorias:
– Limpeza de praias con motivo do Día Mundial dos Océanos convocada por ADEGA, que se realizará, na comarca da Coruña, o próximo sábado 8 de xuño na praia de Morazón de Sada, a partir das 10.30h.
– Manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Sada para o próximo domingo 9 de xuño, ás 12h, con saída na casa do concello de Sada.