Contra o xenocidio sionista en Gaza. Palestina libre!

De novo, cómpre alzar a nosa voz contra ese réxime de apartheid no século XXI que é o estado sionista de Israel, que volve descargar as súas bombas sobre os cidadáns de Palestina para continuar garantindo a súa ocupación colonial. A seguir, reproducimos o comunicado divulgado polo MGS denunciando o ataque contra a poboación de Gaza e a complicidade da maioría dos estados e institucións occidentais:

Gaza, paradigma do colonialismo

Hai unha semana comezou o enésimo ataque do estado israelí sobre a Faixa de Gaza. Un ataque que permite comprobar, mais unha vez, como neste territorio, onde a densidade da poboación é das mais altas do planeta, cúmprense até o paroxismo todos os horrores do colonialismo: un paradigma concentrado dos horrores que provoca a actual orde mundial.

En só oito días, a enorme maquinaria bélica de agresión ten causado 162 asasinatos: familias case ao completo, nenos, mulleres e maiores compoñen case a metade das vítimas causadas por Israel. Igualmente, un milleiro de feridos dan conta da brutalidade e capacidade militar do principal socio dos EUA na zona.

Debemos lembrar que, frente as mentiras dos medios sistémicos, non estamos perante unha guerra, senón unha nova campaña de agresión. A súa orixe é un novo asasinato extraxudicial por vía aérea na Faixa que provocou a morte dun líder de Hamás, o seu asistente e unha nena das proximidades, ademais de máis dun cento de feridos. Esta campaña bélica dase ademais no contexto das proximidades das eleccións en Israel, onde Gaza é utilizada para mostrar internamente e ao mundo a súa “fortaleza” e impunidade: Gaza é usada como campo de probas de armamento, como exemplo da posibilidade de exerceren os prohibidos castigos colectivos á poboación, como exemplo do sometemento e disciplinamento.

Lembremos que Gaza é o maior campo de concentración do planeta: 1.5 millóns de persoas viven nun territorio controlado por terra, mar e aire por Israel, cun paso de Rafah controlado por Exipto mais onde Israel tem amplos poderes como observador, e intermitentemente fechado. Recentemente denuncias teñen sacado á luz como Israel quere mesmo manter control alimentar dos gazatíes limitando a un número por eles decidido as calorías que os seus habitantes consomen para mantelos no limite da malnutrición, algo sancionado nas Convencións de Xenebra como acto ilegal e inhumano. Gaza é tamén o exemplo da falla de respeito ás decisións libres dos palestinianos: desde que Hamás gañara as eleccións na Faixa sen Israel o recoñecer, todas as agresións van encamiñadas a torcer a vontade dos palestinianos. Democracia que o Estado confesional israelí di representar na zona, mais nada máis lonxe da realidade: desde innúmeras leis que violan os dereitos civís dos seus habitantes palestinianos no interior até o colonialismo descarnado en Cisxordania, Israel incumpre sen consecuencias até a legalidade internacional moldeada ao seu favor.

E se Israel pode incumprir sistematicamente toda a lexislación internacional e cometer impunemente crimes de guerra contra a poboación débese ao consentemento e complicidade dos flamantes Premios Nobel da Paz occidentais: Obama (“Apoiamos totalmente o direito de Israel a se defender”, chegou a afirmar) e Unión Europea. O duplo raseiro e hipocresía occidental chega ao seu máximo cando falamos de Oriente Próximo en xeral e de Palestina en particular. Por dar un só exemplo, se o Estado terrorista de Israel posúe armamento nuclear secreto e nen sequera fai parte da AIEA (Axencia Internacional da Enerxía Atómica), é permitido. Mais se outro país da zona quere enerxía nuclear civil e fai parte dese organismo internacional, choven sancións internacionais promovidas pola UE e os EUA. Iso sen necesidade de mencionar as resolucións da ONU, eterno papel mollado, ou o asasinato de civís occidentais das brigadas de solidariedade, sempre sen castigo, algo que xamais sería permitido noutro contexto polas potencias occidentais: os exemplos son, lamentabelmente, xigantescos.

A tregua declarada será pois un mero intervalo no proceso de xenocidio, colonización e ocupación planificado por Israel se non o evitamos. O noso apoio a campañas como as de Boicote, Desinvestimentos e Sancións (BDS) e a presión pública na rúa e nas institucións desde organizacións sociais, políticas, e sindicais aos nosos estados son a achega mínima que podemos facer para evitar que o masacre se prolongue eterna e impunemente.

 

Ademais, publicamos o vídeo que hai tres anos elaborou a nosa organización reclamando o boicote a Israel, por desgraza ainda de plena actualidade:

Boicote a Israel! from Isca on Vimeo.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario