Contra os ataques do capital. Mocidade en loita polo noso futuro!

fx-27-b.png

Contra os ataques do capital. Mocidade en loita polo noso futuro!

27 de Xaneiro – FOLGA XERAL

Os grandes poderes económicos e os gobernos ao seu servizo téñeno claro: a crise que eles mesmos provocaron é a excusa perfecta para lanzar a maior ofensiva das últimas décadas contra a clase traballadora. Tras varios anos sufrindo diversas reformas regresivas e numerosos recortes que afectaron especialmente á mocidade, agora pretenden hipotecar definitivamente o noso futuro: ás cifras de precariedade (69% de contratos temporais entre a mocidade de entre 16 e 24 anos, 45’8% entre os 25 e os 29), de desemprego (34’6% de desemprego xuvenil) ou aos salarios de miseria, agora súmase o ataque ás pensións.

Quítanlle recursos aos pobres para darllo aos ricos
O goberno retirou recentemente a mísera axuda de 426€ aos desempregados sen nengún tipo de ingreso. Quitáronlla os mesmos que regalaron miles de millóns de euros á banca ou se negan a facer unha reforma fiscal para que os ricos paguen máis impostos mentres que aumentan de xeito abusivo o IVE ou as facturas como a da luz. Son os mesmos que din querer combater o desemprego facilitando o despedimento, que ademais agora será pagado con cartos públicos. Todas as medidas do goberno van na mesma liña: que os de arriba podan seguir enriquecéndose a costa de empobrecer aos de abaixo.

Queren entregarlle as pensións á banca
Menten conscientemente cando din que é inviábel manter o actual modelo de pensións e a idade de xubilación. Economistas pagados pola gran banca elaboran informes fraudulentos que pretenden xustificar a rebaixa das pensións (xa de por si miserentas, 728€ de media en Galiza) e facernos traballar ainda máis anos, até os 67. Ao mesmo tempo aumentarán as dos máis ricos, e por suposto non reforman as dos deputados e senadores que tentarán aprobar a reforma: eles poderán seguir xubilándose aos 60 anos con pensións moito máis altas que a media, e logo de só 7 anos no cargo.
O obxectivo é reducir ainda máis os ingresos dos que menos teñen, ao tempo que favorecen os plans de pensión privados da banca, que será de novo a gran beneficiada destas medidas.

Os dereitos deféndense loitando
Esta reforma non é a primeira e se non a paramos non ha ser a última. Por iso, non hai outro camiño que organizarse, mobilizarse e loitar contra os plans do goberno. A folga xeral nacional convocada pola CIG para o 27 de xaneiro será unha mostra de dignidade, unha demostración de que non estamos dispostos a baixar a cabeza mentres degradan as nosas condicións de vida para que eles podan seguir lucrándose. É fundamental garantir que sexa un éxito e demostrar que estamos dispostos a combater ao goberno, aos empresarios e ao o sindicalismo español vendido (CCOO-UGT), que demostra por enésima vez o seu servilismo ao poder, actuando como sempre de axentes desmobilizadores.

O capitalismo non funciona
O combate concreto a estas reformas non debe facernos perder a perspectiva xeral do sistema no que se insiren. A lóxica do capitalismo fundaméntase nalgo tan elemental e inxusto como é a acumulación de riqueza duns poucos a costa da explotación da maioría. Por iso, para poder seguir acumulando, precisan retirar os poucos dereitos que conservamos. Todo o que eles gañen será a costa do noso traballo, por iso queren exprimirnos cada vez máis.

Organicémonos! Transformar a realidade é posíbel!
Agora é tempo de resistir, demostrar a nosa dignidade como clase e deixar claro que non imos permitir que nos rouben dereitos conquistados tras anos de loita. Somos máis que eles e temos a razón da nosa parte, e sabemos que se nos organizamos e estamos unidos podemos tirar abaixo non só as súas reformas, senón tamén o sistema sobre o que se asentan os seus privilexios. Porque transformar a realidade non é unha utopía, como xa están a demostrar outros pobos do mundo. Porque os soños do futuro constrúense coa loita do presente. E porque igual que hoxe toca resistir, máis pronto que tarde seremos nós quen pasemos á ofensiva, para construír unha nova sociedade xusta, libre e democrática. Unha Galiza ceibe e socialista.

 fx-27.png

Descarga os cartaces:
Cartaz 1 (cor) // Cartaz 1 (b/n) // Cartaz 2 (cor) // Cartaz 2 (b/n)

Descarga a nosa folla axitativa

Web da folga xeral:
http://folgaxeral.galizacig.com/

 

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario