No ano 2013, o goberno español do Partido Popular puña en marcha o chamado Plan de Garantía Xuvenil. O seu obxectivo, dicían, era dar emprego e formación á mocidade con pouca experiencia e en situación de precariedade.
Este plano establece fórmulas de contratación que acentúan a explotación da mocidade traballadora. Os contratos para a formación e a aprendizaxe diríxense ás mozas sen titulación de formación profesional ou certificado de profesionalidade. Os contratos en prácticas están destinados ás que si posúen un título mas non teñen experiencia abondo.
Esta estratexia finánciase con cartos públicos procedentes do Fondo Social Europeo. Isto é, son os impostos da clase traballadora os que se pagan a súa propia explotación. Así mesmo, impúlsase a participación neste plan das ETT e outras axencias privadas de colocación e tamén se bonifica os patróns con rebaixas nas cotas da seguranza social.
O obxectivo destas políticas é abaratar a explotación e a extracción de mais-valía do traballo da mocidade. Así, as mozas acaban traballando en condicións máis precarias, con menores salarios que os doutros traballadores por estaren en formación ou prácticas. Isto libera as empresas da responsabilidade de formar os seus traballadores, recaendo nestes esa responsabilidade de modo que os patróns incrementan os seus gaños a un custo máis baixo.
A temporalidade e a precariedade, en definitiva, son a norma neste tipo de contratos, deseñados para maior beneficio dos empresarios. Cabe destacar que se trata dunha estratexia conxunta europea, o que constata o carácter antipopular da UE, así como a participación dos sindicatos pactistas CCOO e UGT da man da patronal na definición destas políticas.
O goberno do capital presume de progresos nas estatísticas e nas taxas de desemprego, mais ocultando sempre o seu reverso: o non aumento ou conxelación das taxas de ocupación e actividade. Isto é, a mocidade vese forzada á emigración ante a falta de perspectivas de futuro na propia terra. E non só, datos do eurostat confirman que cada vez é maior a porcentaxe de poboación en risco de pobreza, especialmente entre a mocidade e con maior risco a menor grao de formación.
A mocidade traballadora só pode organizarse e tomar consciencia de que a súa clase é a que ten o poder, xa que sen ela o mundo deixaría de funcionar. Só coa loita organizada por acabar coa explotación, isto é, polo socialismo e o comunismo, pode a mocidade traballadora acadar unha vida digna e libre.