A COVID-2019 NO MUNDO (3): Corona é o virus. Capitalismo é a pandemia.

Nos anteriores capítulos falamos dos exemplos das democracias populares, centrándonos na súa resposta fronte á crise sanitaria vixente, desde as experiencias do Vietnam, a China e a Cuba. Esta resposta, froito dunha planificación ao servizo da necesidades da maioría, contrasta radicalmente coa decadencia e degradación do mundo capitalista (do cal imos falar hoxe), agudizada con esta crise sanitaria. O episodio actual deixa coa carauta fóra a auténtica natureza do modo de produción capitalista, un modelo de sociedade onde o lucro do capital vai estar sempre por riba da vida e a saúde das persoas. Non é polo tanto un problema de simple mala xestión dalgúns gobernos en concreto, senón unha consecuencia de que o poder estea en mans dunha minoría de explotadores e, dentro deste contexto, das diferentes medidas aplicadas polos estados capitalistas -que dependen fundamentalmente da correlación de forzas entre as clases en loita, mais sempre orientadas á defensa dos intereses do capital. Estas respostas das sociedades capitalistas adoitan ter unha serie de puntos en común, como son a resistencia a pechar as actividades económicas non-esenciais, a reapertura destas actividades cando aínda non está totalmente controlado o problema, o curtopracismo nas decisións políticas, as medidas anti-obreiras, a incapacidade para reorientar a produción en función das necesidades sociais, a falta de recursos sanitarios e de protección no traballo, o individualismo burgués e o sálvese quen puider como produto da ideoloxía dominante ou as relacións entre Estados baseada no egoísmo.


Aliás, a crise sanitaria atópase atravesada unha crise capitalista que non está motivada polo coronavirus (aínda que o coronavirus a acelere) senón polas propias dinámicas do modo de produción vixente, coa tendencia decrecente da taxa de lucro, xerando crises cíclicas de sobre-produción. Fronte a esa tendencia decrecente na taxa de lucro, o grande capital prioriza as operación especulativas financeiras, procurando obter beneficios dun xeito inmediato, mais segue precisando a explotación do traballo da clase obreira para lucrarse e alimentar a burbulla financeira. Isto explica a resistencia das clases dominantes a pechar as actividades económicas non-esenciais, así como a pretensión de acelerar tanto a repertura destas actividades como a volta a unha suposta “normalidade” antes de tempo -é dicir, antes de ter controlada a crise sanitaria. Este feito pon en manifesto unha vez máis que é a clase obreira a que sostén o mundo, a que xera o valor (desmontando así a tese que defenden algúns do “fin do traballo” na sociedade actual) mentres que os parásitos burgueses extraen a máis-valía a expensas do traballo alleo. Unha crise destas características no marco do capitalismo só pode resolverse en contra da maioría traballadora, cun forte aumento do exército industrial de reserva (é dicir, as persoas sen emprego), dando lugar a unha diminución do custo do traballo. A isto hai que sumar a necesidade dos capitalistas de ampliar o seu “mercado” -por exemplo, a través da privatización e desmantelamento dos servizos públicos. En definitiva, máis retrocesos contra as clases populares. Ese é o futuro que nos espera despois da pandemia. Para amosar como a crise sanitaria actual pon en manifesto a decadencia e degradación das sociedades capitalistas, imos citar dous exemplos: o Estado español (por ser o Estado ao que por desgraza pertencemos) e os Estados Unidos (principal expresión da decadencia e degradación do imperialismo capitalista), aínda que poderiamos citar moitos máis.

ESTADO ESPAÑOL.


A resposta específica do Estado español dentro da crise sanitaria vixente podería resumirse nos seguintes puntos:

  • Resistencia á paralización das actividades económicas non-esenciais: non se detiveron até que morreron milleiros de persoas. A paralización durou unicamente dúas semanas e fíxose coincidir coa Semana Santa, impoñendo un permiso retribuído recuperábel, obrigando aos traballadores a ampliar o seu horario laboral para minimizar as perdas do capital. Posteriormente reabríronse as actividades económicas non-esenciais, poñendo en risco a saúde dos traballadores para satisfacer os intereses do grande capital. En conclusión, medidas de desconfinanento precipitadas e orientadas únicamente á recuperación do consumo.
  • Xeralización dos ERTEs (que en moitos casos seguen sen ser cobrados) e os despedimentos grazas á vixencia da reforma laboral. Posibilidade de aprobación duns novos “Pactos da Moncloa” con medidas anti-obreiras e ao servizo do grande capital coa colaboración dos sindicatos españois.
  • No referente á organización territorial do Estado español fronte á crise sanitaria: deseño negador da capacidade de decisión dos pobos que conforman este Estado, cun mando único centralista, deixando ben claro que as autonomías non son autogoberno, senón un marco deseñado para manter a sumisión ao Estado español -que pode ser suprimida (como neste caso), xa que non expresa ningún poder político real. Aliás, tamén lembrar que se facilitou a expansión do virus por todo o Estado español ao non pechar Madrid por ser o núcleo da concentración e centralización económica en mans do grande capital. Finalmente, a unidade territorial empregada para o desconfinamento é a provincia, deseño totalmente alleo á realidade galega.
  • Uso do estado de alarma para xustificar unha resposta represiva do Estado español, a extensión do Estado policial e a militarización das rúas. Un claro exemplo son os múltiples casos de brutalidade policial contra a poboación no marco desta situación, baixo o amparo da lei mordaza. Unha resposta represiva que serve para preparar o escenario posterior á pandemia, cun probábel aumento da conflitividade social. A isto hai que engadir a criminalización e prohibición de calquera mobilización social, coa excusa da “seguridade”, mentres o réxime promove concentracións propagandísticas, nalgúns casos multitudinarias, para exaltar as súas virtudes.
  • O tratamento que recibiron as persoas da terceira idade no marco desta crise foi escandaloso. O feito de que os coidados se atopen nas mans das empresas privadas conduce ao tratamento lamentábel das persoas idosas nas residencias, o cal tamén se explica polo feito de que para a sociedade capitalista as nosas maiores xa non serven como man de obra. Para o capital é máis importante manter a aquelas que están en idade de traballar, que poden servir como recurso para explotar o traballo humano.
  • En xeral, incapacidade do chamado “goberno progresista” para levar adiante medidas necesarias que implican tocar os intereses dominantes. Incapacidade mesmo para poñer todos os recursos sanitarios dispoñíbeis, tamén os da sanidade privada, ao servizo do público e das necesidades sociais En definitiva, o chamado “goberno progresista” exerceu o seu papel como consello de administración dos intereses do grande capital. A súa prioridade durante a crise sanitaria foi sempre a defensa do capitalismo e a unidade do Estado español, por riba da saúde das persoas.

ESTADOS UNIDOS.

Mención especial merece o caso dos Estados Unidos, que sendo a principal potencia imperialista é tamén o maior exemplo da total degradación e descomposición do imperialismo capitalista. A perpetuación do capitalismo só pode levar a percorrer o mesmo camiño degradante deste país, a todos os niveis. Debemos ter en conta que aproximadamente un terzo das afectadas polo coronavirus a nivel mundial son norteamericanas. Algúns elementos que cómpre sinalar, en relación coa evolución e tratamento da pandemia nos Estados Unidos, son os seguintes:

  • Un sistema sanitario privatizado e inaccesíbel para as clases populares. Isto non é novo naquel país, mais explica a imposibilidade de dar resposta ás problemáticas derivadas da pandemia. Aliás, os tests do coronavirus custan milleiros de dólares.
  • Un espectacular aumento do paro, cifrado en 26 millóns de persoas en 5 semanas, derivado da total desregulación existente no ámbito laboral e o libre despedimento. Hai que ter en conta que ao estaren estas persoas en paro fican sen seguro de saúde.
  • Colas quilométricas nos bancos de alimentos. Persoas sen fogar sen ningún tipo de axuda.
  • Tratamento inhumano das persoas falecidas e as súas familias, coa apertura de fosas comúns ou tirando os cadáveres coma se fosen lixo.
  • No referente á política internacional, mesmo coa dramática situación social que se vive nos Estados Unidos, o imperialismo ianqui segue a exercer brutais agresións contra países como Cuba, Venezuela ou Siria, nomeadamente a través dos bloqueos económicos. Por outro lado, procuran agochar a súa decadencia e fracaso na loita contra o coronavirus difamando contra a China. O imperialismo ianqui, que ve perigrar a súa hexemonía a nivel mundial, non dubidará en usar a forza cando o precise coa fin de manter a súa posición privilexiada.
  • Por outra banda, durante esta pandemia puidemos observar como a sociedade capitalista yankee é especialista na fabricación de sociópatas. Neste sentido, debemos mencionar o brutal aumento da venda de armas, a proliferación (con total impunidade) de grupos trumpistas armados nas rúas que rexeitan calquera medida de confinamento en nome dunha suposta “liberdade” (liberdade para morrer, neste caso). O individualismo, o sálvese quen puider, o darwinismo social… son patróns propios das sociedades capitalistas. Fronte á decadencia e degradación das sociedades capitalistas, fronte a un modelo de sociedade que prioriza o lucro dunha minoría por riba da saúde e a vida das persoas, hai alternativa: a conquista do poder político para o pobo traballador, no camiño do socialismo. Só así será posíbel erguermos un novo modelo de sociedade, cunha planificación económica ao servizo das necesidades sociais.

No vindeiro e último capítulo falaremos especificamente do noso país, da Galiza, onde á degradación inherente ás sociedades capitalistas hai que engadir a dependencia que sufrimos en relación co Estado español e a Unión Europea, polo que a construción da nova sociedade pasa polo exercicio da plena independencia nacional.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario