Nos anteriores capítulos fixemos unha análise a nivel xeral e internacional sobre a actuación fronte a pandemia de diferentes estados, amosando a superioridade daqueles dirixidos por partidos comunistas fronte aos Estados capitalistas no referente á organización social e planificación económica, fundamental para combater a propia pandemia mais tamén para preparar o escenario posterior. Tamén explicamos a enorme decadencia e descomposición na que vive o mundo capitalista en relación coa crise sanitaria vixente e co panorama que podería abrirse en breve, tamén empregando exemplos concretos. Agora cómpre achegármonos ao noso contexto concreto, o da nación galega, e analizarmos as tendencias sociais e económicas do noso país que imposibilitan a organización dunha resposta efectiva fronte á crise sanitaria vixente e o escenario que a procederá. Para iso, alén da explotación inherente ao modo de produción capitalista debemos analizar a nosa función no marco da división internacional do traballo, é dicir, a nosa condición dependente e subordinada ao Estado español e á Unión Europea. Finalmente tamén explicaremos a necesidade dunha alternativa real e avanzada fronte a estes problemas, a cal pasa pola conquista do poder político para o pobo traballador e o desenvolvemento dunha economía autocentrada no marco da República galega, o único escenario que posibilita o exercicio da plena soberanía nacional.
En definitiva, cómpre extraermos as valiosas leccións obtidas da realidade internacional, que poden ser útiles para a nosa realidade nacional; non limitándonos a analizar a realidade allea, senón tamén o papel que xoga o noso país no marco do capitalismo imperialista e axustando as aprendizaxes extraídas de outros estados á realidade galega coa fin de construírmos unha Galiza radicalmente diferente.
Algunhas das tendencias negativas que observamos na esfera económica do noso país, que derivan do noso papel dependente e subordinado no marco do capitalismo español e internacional -facendo que o horizonte que podemos albiscar despois da pandemia sexa moi escuro- son as seguintes:
– Sectores estratéxicos da economía en mans do grande capital foráneo. Esta tendencia aumentou na última década como consecuencia da agudización do proceso de concentración e centralización de capitais nunhas poucas mans, reforzando a dependencia das nacións asoballadas como a nosa.
– Un modelo industrial de enclave, con industrias que non están integradas no tecido social e económico galego e só procuran espoliar os nosos recursos para encher os petos do grande capital foráneo. Moitas destas industrias adoitan “marchar”, ficando o noso país cun impacto social, económico e ambiental negativo, o que amosa a falta dunha planificación industrial propia e soberana ao servizo dos intereses do pobo traballador galego. Dentro deste punto é especialmente sangrante o espolio dos recursos enerxéticos, como é o caso da enerxía eléctrica da cal Galiza é produtora e exportadora para que Madrid consuma; ao mesmo tempo, a poboación galega ten que pagar unha das tarifas eléctricas máis altas do Estado, tendo que compensar ás empresas eléctricas polo espolio. É importante tamén mencionar os proxectos extractivistas das transnacionais estranxeiras.
– En relación co punto anterior, nos últimos anos coincidiron dúas tendencias nefastas e exemplificadoras da realidade que estamos a describir. Por unha banda, un importante incremento da turistificación masiva. Pola outra, a tendencia á desertización industrial.
– No referente ao medio rural, como consecuencia da integración na UE (alianza ao servizo dos monopolios e o imperialismo) deixamos de ser unha potencia agrogandeira e pesqueira, perdendo calquera soberanía alimentar. Un proceso de “modernización” capitalista que destruíu a base económica produtiva do noso país, reducindo por exemplo radicalmente a superficie cultivábel, segundo un deseño favorábel ao capital monopolista. Todo isto conduciu ao abandono do medio rural, un dos factores detrás da problemática dos incendios forestais no noso país.
– En definitiva, estas problemáticas -xunto coa brutal precarización da clase obreira galega- levan á emigración masiva, especialmente da xente moza, exercendo como exportadores de man de obra cualificada.
Polo tanto, podemos extraer que existen unha serie de problemáticas estruturais anteriores ao coronavirus. Problemas que non se limitan a unha xestión centralizada ou descentralizada da actual crise sanitaria (malia a ter tamén que ver co afastamento dos centros de decisión e sendo necesario combater o centralismo español) como tampouco se reducen á cor dos gobernos da Xunta e de Madrid (se ben é certo que tanto uns coma outros exercen o seu papel de administradores ao servizo do grande capital) senón que son froito dunhas relacións de dominación que padece a nosa nación e as clases populares galegas.
Non se trata entón só de centralización. É un problema de dependencia e ausencia de soberanía. Non podemos illar a nomeada soberanía das chamadas “cousas de comer”, xa que ambas fan parte dunha mesma unidade indisociábel. Sen a conquista e exercicio do poder político para o pobo traballador galego, rachando coa dependencia e o dominio do capital, non poderemos resolver os graves problemas materiais que padece o noso país. E para facer isto precisamos un novo marco político soberano (a partir da ruptura e superación do marco actual), que é a República galega. Sen desbotar as necesarias reformas, debemos socializar a necesidade da República, non como unha consigna abstracta e sen contido, senón como un obxectivo fundamental para o noso pobo, centrado nos problemas estruturais que padecemos e nas causas xustas e nobres.
Fronte ao Estado español e á Unión Europea, ferramentas ao servizo da hexemonía do capital monopolista e que no marco da crise sanitaria vixente están amosando con claridade a súa auténtica natureza, debemos loitar pola construción da República galega como marco soberano e democrático-popular, cun contido de clase ao servizo do pobo traballador galego, baixo a dirección do único suxeito que pode actuar como unha auténtica clase nacionalizadora no contexto galego, a clase obreira galega. Por iso cómpre ligar a República galega a un programa avanzado, para unha planificación económica autocentrada ao servizo da maioría, un programa claramente superior ao dun Estado capitalista e que serviría para facer fronte en mellores condicións a unha pandemia destas características, así como os seus efectos posteriores. Algunhas medidas fundamentais para a construción unha Galiza radicalmente diferente, as cales non son posíbeis no marco de España e da UE, serían as seguintes:
– Nacionalización do conxunto dos sectores estratéxicos da economía e eliminación do capital monopolista. É dicir, nacionalización da banca, seguros, solo urbano, sector enerxético (xeración e distribución de enerxía), transporte, telecomunicacións, recursos mineiros, forestais, mariñeiros, hidraúlicos etc. Isto é un paso fundamental para organizar a sociedade dun xeito radicalmente diferente, garantindo o control popular dos nosos recursos (unha nación libre é aquela que é dona dos seus recursos), reducindo a dependencia externa, garantindo o emprego e unhas condicións laborais dignas para os traballadores, promovendo unha planificación económica ao servizo das necesidades sociais (fronte a unha economía capitalista que prioriza o lucro do capital) ou reinvestindo o excedente xerado para satisfacer as necesidades da poboación. Especialmente importante é a nacionalización da banca, para a realización de inversións a longo prazo en áreas fundamentais para o desenvolvemento social e económico -fronte ás operación especulativas e curtopracistas da banca privada, orientadas únicamente ao lucro inmediato.
– Un servizo nacional de saúde, gratuíto e de calidade. Isto non implica unicamente a existencia dunha “sanidade pública” como a que podemos atopar en moitos Estados capitalistas como o español, senón impedir completamente a participación de empresas privadas na sanidade e a súa orientación para as actividades lucrativas, tendo en conta que é un servizo esencial. Por iso cómpre nacionalizar os hospitais privados, as empresas farmacéuticas, os seguros privados de saúde, as farmacias comunitarias, a produción de produtos sanitarios, as distribuídoras de medicamentos e produtos sanitarios, impedir a entrada de grupos privados na sanidade pública, reabrir os andares de hospitais pechados, crear unha seguridade social universal que cubra todos os tratamentos que precisan os doentes e garantir unha dotación suficiente de medios e profesionais sanitarios (cunhas condicións laborais dignas). Todo isto sería posíbel grazas á reinversión dos excedentes (producidos noutras actividades) nas necesidades sociais. Unha sanidade 100% pública e popular, que garanta as necesidades da poboación, así como un desenvolvemento autocentrado para a investigación, produción e comercialización de medicamentos, produtos sanitarios, material clínico e hospitalar, reducindo a dependencia externa neste eido. Deste xeito estariamos nunhas condicións mellores para facer fronte a unha crise sanitaria como a actual.
– En conxunto, diversificar as actividades económicas e potenciar a produción nacional naqueles sectores relativamente máis recentes (electrónica, informática e telecomunicacións), mais tamén naqueles que historicamente tiveron un grande peso na economía galega (destruídos polo Estado español e a Unión Europea), entre os que se atopan o sector agrogandeiro e o pesqueiro, con actuacións encamiñadas ao seu desenvolvemento e modernización racional, garantindo a necesaria soberanía alimentar do noso país. Actuacións que inclúen a eliminación dos monopolios capitalistas nestes sectores, o fomento do cooperativismo e o traballo colectivo, o apoio á transformación dos produtos, a nacionalización das empresas de subministración de insumos etc. No eido industrial, para potenciar o seu desenvolvemento autocentrado, cómpre superarmos o modelo de industrias de enclave propias da dependencia que padece o noso país para erguermos un potente sector industrial nacionalizado.
Para rematar, se diferentes países -mesmo nunhas condicións adversas e de baixo desenvolvemento das forzas produtivas- emprenderon un camiño face unha soberanía real e unha planificación económica en función das necesidades sociais, na Galiza estamos obxectivamente nunhas condicións mellores para percorrer o camiño que nos leve a ser unha nación soberana, próspera e orientada face o socialismo. Malia a nosa condición dependente e periférica no marco do capitalismo español e europeu somos unha nación de Europa Occidental, plenamente integrada no modo de produción capitalista. Por iso, a tarefa pendente é a conquista e o exercicio do poder político para o pobo traballador, nun marco político soberano que rache coa dependencia e o dominio do capital: a República galega.