Nun ambiente de camaradería e compromiso tivo lugar, o pasado sábado día 7 de febreiro, a nosa V Asemblea Nacional. Por volta das 10:30 da mañá comezou o debate do regulamento, seguido da posta en común do informe de xestión, no que analizamos criticamente os puntos fortes e débiles da nosa andaina no período interasemblear. Debate especialmente intenso e enriquecedor deuse no relatorio político, onde profundizamos sobre diferentes cuestións políticas a destacar a nosa actuación no campo xuvenil ou a cuestión de xénero. Á volta do xantar comezamos o debate da tese organizativa, onde analizamos desde a necesidade da creación de espazos de autoorganización das mulleres na nosa organización a como deben ser as nosas propias actuacións para nos considerar militantes revolucionarios. Finalmente escollimos unha nova Mesa Nacional. Estamos moi agradecidas a toda as compañeiras e amigas que nos acompañaron neste proceso e que participaron con nós dos debates previos nas zonas, do plenario da asemblea ou do acto de encerramento.
Por volta das 19:00 comezamos o acto aberto de clausura onde nos acompañaron diferentes delegacións convidadas, ás que agradecemos a súa presenza (AGAL, Assembleia Feminista Galega, A Mesa pola Normalización Lingüística, BNG, Briga, CIG, Asociación Galego-cubana Francisco Villamil, Galiza Nova, Liga Estudantil Galega, Mar de Lumes, MGS, Mulheres Nacionalistas Galegas, Que Voltem Para Casa, Siareiras Galegas e Xeira) e contamos cos saúdos internacionalistas -escritos ou en video- de organizacións irmáns doutros pobos (Darreu de Asturies, Ernai de Euskal Herria, Jaleo!!! de Andalucía, Purna de Aragón e Yesca de Castilla). Presentamos á nova Mesa Nacional, composta polas compañeiras Noa Presas, Javier Brea, Anxo Sánchez, Beatriz Fariñas e Víctor Giadás, a quen se sumarán as persoas que sexan escollidas como responsábeis de zona e das comisións sectoriais. Para finalizar interviron Diego Santorio en nome da Mesa Nacional do Movemento Galego ao Socialismo, Noa Presas en nome da Mesa Nacional de Isca! e desfrutamos dunha divertida regueifa antes de entoar a Internacional e mais o Himno Galego que puxeron fin á xornada.
Somos unha organización con pouco máis de 8 anos e medio de vida, que nacimos no 2006 como reacción á deriva que pretendeu homologar o BNG ás forzas do sistema, traballando de xeito leal e construtivo para recuperar o discurso histórico do nacionalismo e a súa referencialidade nas clases populares. Camiño que entendemos que se está a percorrer e no cal nos comprometemos a traballar para facer do BNG a referencia das soberanistas deste país.
Non só analizamos a nosa posición política e organizativa dentro do BNG e, nomeadamente, dentro do seu espazo xuvenil. Tamén o fixemos sobre diferentes movementos sociais, sabendo que desde o traballo de base, da rúa, chegará o cambio social. Un cambio social que tamén pasa pola aposta decidida de fortalecemento da Liga Estudantil Galega e da unidade de acción do movemento estudantil soberanista, que xa se vén dando no pasado máis recente. Tamén por unha maior implicación no movemento sindical nacional, combativo e de clase que está representado pola CIG, neste momento máis preciso que nunca para enfrontar os ataques do capital aos dereitos máis elementais da clase traballadora.
Acción transformadora, acción revolucionaria consciente cunha estratexia tactificada para construír a nosa futura república: a República Galega, como ferramenta política para a transformación real da sociedade, a construción dun sistema económico e social diferente sen clases nin opresión de xénero. Dicímolo con toda a humildade porque sabemos das nosas limitacións mais tamén con toda a firmeza ideolóxica de quen non pensamos renunciar aos nosos soños, tendendo a man para reforzar aqueles espazos unitarios nos que traballamos con persoas e colectivos que acreditan nun proceso de liberación nacional e social. Golpeando xuntos.
Nun contexto onde se fomenta cada vez máis a desmobilización da mocidade, desde Isca! afrontamos con ilusión e fortaleza o novo período interasemblear, onde procuraremos fortalecernos como ferramenta de axitación social e transformación da realidade para facer fronte á ofensiva do capitalismo e do españolismo e tecer alternativas que nos permitan avanzar cara á independencia nacional e o socialismo.
.