Crónica do acto en defensa do monte comunal

Baixo o título “O Monte é noso”, a nosa organización realizou unha charla-coloquio sobre a problemática da construción dun macro-centro comercial en terreos comunais de Cabral (Vigo). Á intervención de Susana Blanco e Mónica Pazo, comuneiras afectadas, seguiu a de Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común, que trazou un percorrido polos principios organizativos e orixes históricas desta fórmula de propiedade colectiva de orixe xermánica, propia do noso país e do norte de Portugal.
No coloquio participaron veciños comuneiros de Cabral que relataron as dificultades coas que se están a atopar para evitar a expropiación do monte comunal da parroquia, na cal se pretende instalar un macro-centro comercial coa connivencia da actual xunta reitora da comunidade de montes e do concello, gobernado polo PSOE, nun proceso cheo de abusos e irregularidades. Unha das críticas máis reiteradas polos diferentes intervintes foi a que ten a ver co propio modelo de centros comerciais que arruinan boa parte do pequeno comercio das cidades, ofertando unha cifra tan demagóxica como irreal de posíbeis postos de traballo a xerar.
Desde Isca!, ao tempo que reiteramos o noso total apoio e colaboración ás e aos comuneiros de Cabral, chamamos á veciñanza de Vigo a colaborar tamén na loita e lograr xerarmos un clima de oposición ao macro-centro comercial que comece por desvendar as mentiras que a prensa deita día tras día sobre os supostos “beneficios” que o proxecto traería para cidade. Nós témolo claro: destrución dun parque forestal, graves prexuízos para a veciñanza de Cabral, ruína do pequeno comercio en prol do grande capital transnacional e fortalecemento dunha economía de servizos fronte o emprego industrial que se está a perder a marchas forzadas na cidade de Vigo. Todo isto, nun proceso completamente caciquil no que nen sequera se informou á veciñanza das consecuencias que vai ter a construción da área comercial por parte dunha multinacional mentres se tenta aproveitar a situación de crise para a instalación dun complexo mediante fórmulas plenamente coloniais.
Apoiemos a xusta loita das e dos veciños de Porto Cabral fronte a especulación polo mantemento do monte comunal. Porque non é só por elas, mais por todos e todas nós. Eles teñen a razón da forza , nós a forza da razón!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario