Cuba, 50 anos de revolución

Isca!, está a desenvolver nas rúas galegas unha campaña de propaganda para comemorar os 50 anos da Revolución Cubana e expresar a nosa solidariedade co heroico pobo que a levou a cabo e que hoxe a defende con afouteza. Queremos, aproveitando o aniversario, lembrar a importancia de que siga a erguerse orgulloso frente ao imperialismo un referente que demostra día a día que é posíbel construir sociedades baseadas na solidariedade, a paz e a xustiza social.

Afrontamos esta conmemoración non con nostalxia e mirando ao pasado, senón plenamente conscientes de que os primeiros 50 anos de revolución socialista na illa rebelde do Caribe son un guiero que axuda a todos os pobos do mundo a construir un futuro diferente, sendo donos de si propios e ser rendir pleitesía a ninguén.

colantecuba1.jpg

Ademais de cartaces e colantes que están a ser distribuídos por todo o país, editouse un Rebater co texto que segue:

A Revolución Cubana vén de cumprir o seu primeiro medio século de existencia, máis forte e libre do que nunca. O proxecto revolucionario deste país caribeño, do que tantas veces se profetizou a súa caída, non só non ficou anticuado -como un espectro do comunismo só válido para arqueólogos da esquerda, tal é como é caricaturizado nos meios de comunicación- senón que nos últimos anos serviu de sustento e inspiración, teórica e práctica, de numerosos movimentos rebeldes de todo o mundo, en particular de América Latina.

De Isca!, como organización da esquerda anticapitalista, solidarizámonos con Cuba -por fatigoso que resulte defender as obviedades- contra a manipulación hexemónica na nosa sociedade; apoiámola como quebra-mar do capitalismo, como antídoto ante a enxurrada neoliberal en que todo se mercantiliza, desde o que comemos e bebemos até o espazo no que vivimos, a cultura ou a comunicación, e pola que todo está xustificado, desde o bombardeo de pobos, a ocupación de países, a condena á fame e á enfermidade da maior parte da humanidade e até a ameaza de destruir o conxunto do planeta.

Por sorprendente que resulte, temos que explicar hoxe que nos posicionamos a favor de quen sinten como propias todas as inxustizas e non de quen se enriquece con elas, de quen exportan médicos e non bombas, de quen aprende a ler e non de quen promove a desaparición de centos de linguas e culturas, de quen preconiza a igualdade das nacións e non de quen as explota, invade e coloniza, de quen devolve a vista e cura as enfermidades e non de quen converte a saúde en negocio, de quen defende a supervivencia da Terra e non de quen envelena o mar, a terra, os ríos ou os alimentos. E aínda, temos que afirmar que non só apoiamos Cuba senón que nos asentamos sobre Cuba: porque sabemos que a mellor solidariedade internacionalista é organizármonos contra o capital, inspíramonos nestes valores, no exemplo dunha nación heroica que nos demostra que o único futuro -aquel que os explotadores pensan quimérico- está fora do capitalismo, que só vencen os pobos que loitan, que é posíbel vivir doutra maneira, aquí e agora.

Descarga o Rebater

Descarga o cartaz

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario