A mocidade ten unha presenza moi importante no traballo de verán xa que as empresas recurren a nós para cubrir vacantes por vacacións. Tamén somos unha ferramenta importante para as empresas de hostelería, nas que en moitas ocasións traballamos longas xornadas por un mísero salario; as máis fóra de convenio e sen días libres. As condicións salariais do noso país son tan precarias que o salario medio bruto anual da Galiza (20.624€) tan só está por diante do das Canarias (19.856€) e Extremadura (19.564€), segundo datos do INE do ano 2016.
Moita mocidade aproveita o período vacacional para tomar contacto por primeira vez co mundo do traballo e sacar uns aforros, ou ben para coller experiencia. En plena crise capitalista tamén é habitual que moitas precisen dun traballo por estacional que sexa, para aportar ingresos na casa e contribuír cos numerosos gastos familiares. Para exemplificarmos isto, do segundo trimestre ao trimestre de verán do ano 2016 o paro descendeu 7,1 puntos entre a mocidade galega de 16 a 19 anos, 5,9 puntos entre a de 20 a 24 anos e 5,5 puntos entre a de 25 a 29 anos, segundo datos do IGE.
Así pois, é habitual ter un contrato de obra e servizo ou mesmo estar sen contrato. A explotación que sofre a mocidade vén da man dunha patronal que aproveita a nosa idade para nos ofrecer unhas condicións pésimas e así maximizar o seu lucro.
Asinamos contratos por oito horas e traballamos doce, somos habituais nos períodos de proba, as horas extras son parte do día a día e o acceso a un posto de traballo fixo é unha utopía. E nesta situación os altofalantes do poder non paran de repetir que estamos en recuperación. A metade das empregadas do país non chegou no 2016 a un salario medio bruto de 18.000€, segundo o INE.
Para a mocidade traballadora a temporalidade en sectores como a atención ao turismo ou a hostelería son un camiño case de obrigatorio percorrido, xa que a esixencia dun alto nivel de experiencia ligado ao elevado desemprego xuvenil (que supera o 40% no noso país), fai moi dificil atopa un emprego cunha estabilidade mínima que garanta a posibilidade de levar adiante unha vida de noso. As cifras de maio do 2017 falan por si mesmas, a Galiza sufre o cuarto peor descenso do paro do Estado español (-2,44%), só superando ao País Valencià (-2,40%), Euskal Herria (-2,02%) e Canarias (-1,31%); segundo datos do SEPE.
A crise capitalista atacou en dous sentidos opostos no tocante aos empregos de verán: nalgúns sectores prescindiuse da contratación para cubrir as vacacións dos empregados estables, dando como resultado maior carga de traballo e polo tanto aumento do estrés e presión sobre as traballadoras. Outros, aproveitan esta estacionalidade potenciada polo modelo “Marca España” para asinar contratos con condicións durísimas, xornadas interminables e esmola no canto de salario, tanto en sectores como que multiplican a súa actividade no verán, coma noutros sen incidencia climática como pode ser o telemárketing. O sector servizos galego (20.013 €) tivo un salario medio bruto en 2016 de 3.250€ menos que o sector da industria (23.263€), segundo datos do INE.
A estacionalidade perxudica moito a creación de emprego e a fixación de poboación. O máximo expoñente dase nas poboacións costeiras onde moitas mozas non poden alugar un apartamento por mor dos elevados prezos, consecuencia dun turismo depredador dos nosos dereitos. Polo tanto, é habitual que no noso círculo de amizade existan persoas que teñen que desplazarse longas distancias ata o seu posto de traballo no caso de contar con transporte particular.
A filiación sindical e a loita da clase traballadora son mínimas xa que a mocidade ve estes traballos como unha ocupación temporal. Ademais son empregos cunha alta demanda polo que se protestas soen responderte coa clásica frase “se non aceptas as condicións hai moitas persoas que o farán por ti” fomentando o individualismo e a competición.
Isto é consecuencia dos altos niveis de paro existente entre a mocidade, superando na actualidade o 40%. E froito disto a patronal conseguiu convenios a súa medida, onde somos os de abaixo os que máis unha vez saimos perdendo. E saimos perdendo porque as nosas condicións laborais son cada vez peore; como pode ser que o sector da hostelería fale de récord de ocupación do turismo mentres os traballadores están sobreexplotados? Isto non é máis que a lóxica perversa dun sistema que para sobrevivir precisa da súor dunha maioría.
Fronte a un modelo baseado na explotación e a precariedade temos que traballar para levar a conciencia de clase a todos os sectores, reivindicar o dereito a ter un traballo digno e a non entregar as nosas vidas a un sistema explotador e alienante. Só desde a organización e a loita poderemos construír un novo mundo para quen non ten nada que perder salvo as cadeas.