“Decreto de aprendizaxe”, retorno á servidume!

426 euros sen dereito a paro, sen límite de xornada, festivos nin vacacións. Pregúntaste en qué afastado país ou época ten lugar? Todo isto e moito máis no Real Decreto 1543/2011.

crise-que-a-pague-o-capital.pngComo colofón dunha lexislatura brutal para os dereitos laborais, en tempo límite, o goberno neoliberal de Zapatero aprobou (31/10) e publicou no BOE (19/11) un decreto que recupera a figura do “aprendiz”, unha categoría non sometida a contrato e por tanto non considerada dentro das relacións laborais, que serve para fomentar e encubrir a man de obra barata dos mozos e mozas entre 18 e 25 anos.

O obxectivo que pretenden estas reformas é, por un lado, fragmentar a clase traballadora para debilitar a resposta, ao existiren traballadores con dispares niveis de ingresos que pugnan entre si por unha mellor situación salarial. Por outro, abaratar a man de obra de forma crítica para manter as taxas de beneficio dos capitalistas nun contexto de crise.

 Se te apuntas ao paro e tes entre 18 e 25 anos, poden imporche un destes contratos de aprendizaxe, que:

 -Non determina “relación laboral” e por tanto está fóra do dereito laboral

 -Non está sometido a convenio (estás desprotexido)

 -Non tes dereito a paro, nin vacacións, nin festivos, nin permisos

 -Poden imporche calquera xornada laboral, por abusiva que sexa.

 -Pode aplicarse a calquera titulado/a.

 -Poden concatenar o “acordo” de aprendizaxe as veces que queiran até teres 25.

 -Terán lugar baixo a supervisión dun “titor” (xefe)

 -Vanche pagar 426 euros (80% do IPREM*)

 -A empresa non cotiza á Seguridade Social por ti.

 En resumidas contas, se á Empresa lle sae máis barata a contratación e inda por riba non cotiza á Seguridade Social, ten lugar un beneficio evidente a cambio da precarización absoluta da túa vida. Esa é a ética dos empresarios e de políticos do bipartidismo (PP-PSOE) que serven unicamente aos intereses dos capitalistas. Mentres Rubalcaba prometía en campaña un “viro á esquerda” o goberno en funcións do PSOE aprobaba esta norma que legaliza contratos por baixo do salario mínimo. Agora o PP promete medidas aínda máis drásticas.

 Trátase do enésimo golpe contra os dereitos conquistados en base ás loitas da clase traballadora a través dos anos. A crise do sistema estámolo a pagar os traballadores/as, e no caso da mocidade , imponse a precarización da nosa existencia como única vía para acceder a un traballo, con dereitos moi inferiores aos da xeración anterior.

 A relación laboral da “aprendizaxe” no capitalismo liberal e no neoliberal

 No capitalismo liberal da “Restauración”, a condición de aprendiz servía de pretexto á sobreexplotación ligada ao traballo infantil, na que un menor de idade exercía de man de obra barata con salarios moi por baixo das habituais no sector. En 1873 a lexislación estatal contemplaba a condición de aprendiz “a partir dos 10 anos”. En 1902 a Lei estabelece unha xornada laboral de 11 horas para os aprendices, lexislando un “contrato de aprendizaxe” que encubría o uso masivo de mao de obra infantil para maior beneficio dos propietarios dos medios de produción, os capitalistas.

 No preámbulo da “Ley del contrato de aprendizaje” de 1910, xa se advertía que “se ha de evitar que con ocasión de la enseñanza sean explotados los niños, convirtiéndose el aprendizaje en un medio facilísimo para obtener gratuitamente los beneficios de la mano de obra”. A lexislación de 1924 falaba da relación de absoluta subordinación do “aprendiz” fronte o “patrono-maestro”, entre os cales pode “mediar o no una retribución”, un concepto que se recupera integramente no franquismo, desta volta ligado á necesidade de desenvolvemento dunha ditadura autárquica, mais en todo caso encamiñada ao ascenso de categoría dentro da empresa.

 O estatuto dos traballadores de 1980 non recolle o “contrato de aprendizaxe”, se non que fala do “contrato en prácticas” e o “contrato de formación”, con limitación a 12 meses e cotización á seguridade social.

 É precisamente coincidindo cun período de crise que o goberno de Felipe González (PSOE), mediante a Lei 10/1994 , recupera o “contrato de aprendizaxe” sen dereito a prestacións por desemprego, como unha solución para conseguir a man de obra barata masiva que requiría o empresariado daquel momento para garantir as súas taxas de beneficio, combinándoas coas fórmulas anteriores. O sindicatos acusaron o goberno de “buscar a substitución de man de obra cualificada por aprendices a un costo moi inferior”.

 Na actualidade non existía a figura do “contrato de aprendizaxe”, se non outras fórmulas de abaratamento como “contratos de traballo en prácticas” (nos 5 anos posteriores ao título, con salario mínimo) e “contratos para formación” (até 25, regulados por convenio colectivo, salarios ligados ao mínimo) .

 Foi o goberno neoliberal de Zapatero quen elimina a cotización dos empresarios á Seguridade Social por estes contratos, estabelece o despedimento libre e amplía até os 30 anos, e non podes ter o título no momento de formalizar o contrato.

 Reformas que precarizan a situación laboral da mocidade

 Todo isto súmase ás reformas laborais neoliberais que legalizan os despedimentos colectivos en base a “perda de competitividade” do empresario do momento ou permiten a concatenación ilimitada de contratos temporais ou contratos de prácticas até os 30 anos (antes 25 e 21 anos)

 Tamén vai afectar á mocidade actual a reforma das pensións, que esixirá 37 anos cotizados para nos xubilar co 100% do salario aos 67 (antes 65) anos e cun período de cómputo de 25 anos (antes 15).

 Rajoy (PP) promete converter as nosas vidas nun inferno ao ameazar con máis e peores recortes. Todo isto mentres o 60% dos traballadores/as xa cobran menos de 1000 euros ao mes.

 Pero nós non acreditamos na competencia, se non na solidariedade e na colaboración.

 A loita é o único camiño

 Hoxe mais que nunca debemos recordar a afirmación de Marx de que existe unha contradición entre o carácter social da produción e propiedade privada dos medios de produción, en mans de capitalistas que nunca tiveron escrúpulos.

 A plusvalía que xera o noso traballo vai parar ao peto de quen xa non quer investir na produción nin xerar postos de traballo, se non que acumulan e especulan grazas a nos explotar. É entón cando se fai evidente a necesidade de superarmos o vello capitalismo por un novo sistema eficaz á hora de redistribuír os recursos xerados en base à noso traballo e construír unhas relacións laborais xustas.

Só temos que pensar nas importantes empresas públicas e banca privatizadas que hoxe forman monopolios e que xeran beneficio para unha minoría. Eses beneficios deberían repercutir na clase traballadora, non nun poucos privilexiados. Faise por tanto necesario expropialas sen indemnizar a quen nos explota e poñelas ao servizo dos intereses da maioría social.

A mocidade traballadora debe defender o Socialismo para liberar as cadeas da escravitude capitalista que nos queren impor, facéndonos recuar até o século XIX en dereitos sociais e laborais. Non lles debemos nada, eles débennolo todo a nós.

As loitas que deamos nos próximos meses e anos serán fundamentais para derrubar o sistema da inxustiza, da opresión, da desigualdade, do egoísmo, da explotación, que é o Capitalismo.

Non ao decreto de aprendizaxe!

No capitalismo non hai futuro!

Organízate con Isca! e loita con nós polo socialismo e a soberanía nacional!

 

*Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples  

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario