Defender a lingua como sexa!

ManuelMariaUn ano máis vémonos nas rúas de Compostela manifestándonos en favor da lingua galega, plantándolle cara á estratexia lingüícida do Partido Popular e amosando a nosa máis sentida dignidade en forma de berro colectivo. Vivimos un contexto político de forte españolización da sociedade galega no que se torna máis necesario que nunca contribuírmos a fortalecer a loita pola dignificación do noso idioma propio e o fortalecemento das iniciativas populares que traballan pola recuperación, conservación e empuxe da nosa identidade cultural desde a base. O aparato propagandístico, a globalización tende a fomentar modelos esteorotipados e importados de culturas alicerzadas no sistema capitalista; difuminando a diferenza e a idiosincrasia das expresións culturais minoritarias.

Perante este feito, Isca! considera que é esencial promovermos expresións culturais de noso, traballar pola recuperación e prestixio da lingua galega e da posta en valor dos nosos símbolos nacionais. Temos que rachar ese dinámica desgaleguizadora, vencendo no combate normalizador e demostrando á mocidade e ao conxunto do país que a nosa lingua, alén de ser a nosa, é digna, extensa e útil. Contamos cun sistema lingüístico luso-brasileiro que nos permite comunicarnos nun espazo de máis de 200 millóns de persoas nos cinco continentes. Un combate pola normalización que ten por forza que ser diario, constante e orientado cara a consecución do monolingüísmo social na lingua propia. É necesario, pois, contrarrestar a súa ofensiva cun intenso labor na dirección contraria, denunciando o falso discurso da imposición e defendendo o galego como lingua de comunicación en todos os ámbitos da vida.

Animámonos a nós mesmas, e a todas as que compartan o que aquí defendemos, a contribuírmos a espallar e multiplicar as iniciativas que traballen pola defensa e a normalización da nosa lingua. Porque como mozos e mozas revolucionarias temos a convicción e o deber de defender a lingua como sexa: con raiba, con furor, a metrallazos!

.

>> Manifestación día 17 de Maio ás 12:00 horas desde a Alameda de Compostela. Vémonos!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario