Derrubando armarios, construíndo orgullo

orgullo2015A situación das persoas XSDI (Xéneros e Sexualidades Diversas e Intersexuais) é moi precaria, tanto a nivel global como a nivel galego. As agresións, o acoso e a discriminación están á orde do día, tanto na rúa como na escola, a familia e as institucións públicas; igualmente frecuentes son os suicidios das persoas trans, homosexuais, bisexuais, etc, por mor do rexeitamento e persecución sociais.

Vivimos nunha sociedade cisheteropatriarcal sustentada nunha restritiva norma con respecto ao sexo, o xénero e a sexualidade. Esta norma clasifica os individuos, ordenando estes tres factores nun continuo que configura dous únicos modelos de existencia válidos: homes heterosexuais con sexo “masculino” e mulleres heterosexuais con sexo “feminino”.

Existe unha situación de opresión que non debemos negar nin podemos aceptar e perante a cal cómpre rebelármonos desde unha óptica feminista. Sen o feminismo non será posíbel derrubar a cisheteronorma, xa que o movemento XSDI partilla un mesmo inimigo coas mulleres, o patriarcado, e un mesmo bando, o transfeminismo.

Hai tempo xa que o patriarcado asinou un contrato co capitalismo e nos marcou un perigoso horizonte: a nosa aceptación como colectivo pasa agora por sermos dóciles, por sermos consumidoras de beleza normativa e espazos e formas de ocio especialmente deseñadas, por escoller de novo entre dúas opcións igualmente inocuas e limitadoras dum marco binario, home gay ou muller lesbiana; por sermos, en definitiva, una engrenaxe submisa do mecanismo capitalista e patriarcal. Non se nos permite cuestionar o xénero, a institución da familia ou os modelos afectivo-sexuais; non se nos permite reivindicar as nosas liberdades alén dum espectáculo monitorizado polas empresas e os medios de comunicación.

Mais unha vez achégase o 28 de xuño e vemos como as olladas son dirixidas cara a modelos de existencia que o patriarcado pode tolerar: gais delgados, ben vestidos e educados ou lesbianas de feminidade normativa, ambos grupos totalmente castrados no sentido político da palabra, ambos grupos perfectamente asimilábeis á lóxica do capitalismo rosa.

Derrubando armarios, construíndo orgullo

Conquistar as liberdades e dereitos sexuais e de xénero e normalizar a situación das persoas XSDI debe ser un dos principais obxectivos da loita feminista, mais a realidade é ben outra; na sociedade galega, esta cuestión tende a ser infravalorada ou directamente esquecida.

Desde Isca, acreditamos na necesidade de definir posturas claras arredor da loita XSDI, de abordala desde unha postura nitidamente feminista e cun claro contido de clase, así como situándoa nunhas coordenadas intrinsecamente galegas.

Cómpre racharmos co pacto social, dinamitarmos os alicerces da nosa opresión como colectivo e loitarmos por podermos desenvolver plenamente as nosas liberdades sexuais e de xénero, derrubando os armarios que nos limitan e construíndo o orgullo que necesitamos para afrontar a loita.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario