Desde os pobos, rachemos co réxime!

 

Diciamos uns días antes da celebración do Referendo de Autodeterminación no Principat de Catalunya que o Estado Español mostraba a súa verdadeira faciana, a do autoritarismo e a represión. Neste intre esa afirmación está aínda máis contrastada, logo das actuacións policiais contra a vontade popular e o lexítimo dereito a decidir. Non son xa as ameazas de detención e inhabilitación, non son xa as imputacións a alcaldes e cargos públicos, non son xa as provocacións e bravuconadas dun nacionalismo español reaccionario e franquista. Son as centos de persoas feridas, a represión brutal e indiscriminada do estado contra quen quere decidir o seu futuro. É o peche de colexios electorais, o secuestro das urnas e a violencia de todos os aparellos dun estado totalitario e represor.

Neste intre histórico, alén de transmitir toda a nosa solidariedade internacionalista, toda a nosa forza, todo o noso cariño, todo o noso apoio ao pobo catalán, debemos facer unha reflexión e unha chamada tamén ao noso pobo. En especial á mocidade galega. Confiamos na imparábel revolta de quen decidiu ser libre, organizarse e vencer. Nin o réxime no seu conxunto; nin a policía, os tribunais, o Rei ou o goberno poden poñer portas ás lexítimas aspiracións de liberdade e democracia real.

Porque derrubar o réxime español de 1978, ese que preserva o último desexo do ditador Franco e que os seus sucesores (os reis Borbóns) se afanan en aplicar, pasa pola destrución da unidade do Estado Español. Pasa por acadar e exercer a nosa soberanía a través dun Estado Galego independente e republicano. Pasa por rachar coa dominación oligárquica e as institucións imperialistas como a UE ou a OTAN.

Porque a loita do pobo catalán abre o camiño para todos os pobos no estado. Porque a mocidade é peza fundamental, imprescindíbel nesa nova república. Por elas e por nós!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario