Este Domingo terá lugar en Compostela unha marcha organizada por Galicia Bilingüe, entidade que patrocina a imposición lingüística do español e tenta deslexitimar todo cuanto avanzo social logra a lingua propria de Galiza, reditando os piores argumentos dos mais rancios ideólogos da España Imperial e practicando o supremacismo idiomático.
Ainda que desta vez a “Cruzada” contra o galego tenta ir vernizada de loita “democrática” contra unha presunta (e falsificada) imposición do noso idioma, os argumentos do grupo que comanda Gloria Lago seguen os mesmo clixés estereotipados que podiamos atopar na imprensa do tardo-franquismo sobre a lingua galega e a nosa realidade cultural, que nunca deixaran de desprender un certo tufo colonialista.
Agora, a mutación chega en clave neo-liberal, tentando eliminar dun plumazo o direito colectivo e situando as súas revindicacións estritamente no individual, facendo apoloxía dun sistema de “libre mercado” que marxina os idiomas minorizados (que non minoritarios).
A marcha que discorrerá este Domingo 8 de Febreiro por Compostela supón unha aldraxe dificilmente cuantificábel, onde desfilará o españolismo en pleno. Varias convocatorias anuncian unha resposta baixo diferentes plantexamentos:
– A convocatória da “Mocidade pola Língua“ que logo da súa Asemblea Nacional en Vigo fai un chamamento para acudir con bombos, chifros e cazolas á mesma hora que o inicio da manifestación na Alameda.
– A proposta lúdico-irónica que emana da plataforma “Sei o que nos figestes”, que propón unha fin de semana reivindicativa, incluindo un “recebemento” a Gloria Lago e Gabi (a mascota de Galicia Bilingüe) e unha resposta en chave ridiculista o proprio Domingo.
A continuación apresentamos o texto do Rebater que desde Isca! editamos para ese día (descarga en PDF)
Desenmascarar as plataformas polo extermínio
A aparición de plataformas como “Galicia Bilingüe” ten que levarnos, máis aló da lóxica indignación, a indagar as razóns das suas orixes, discurso e expansión, para así mellor combatelas.
Estas plataformas, de aparición recorrente, teñen gañado un espazo que até o de agora non posuían. Porque agora? Achamos que varios son os factores combinados. En primeiro lugar, é inegábel o mimetismo destas con outras plataformas e discursos que proveñen das outras nacións inseridas no Estado español, especialmente a catalá: é o discurso do vitimismo e da suposta “perseguición” aos falantes de español “en comunidades españolas”. É dicer, estas plataformas son a ponta de lanza do españolismo, e así este apoia claramente estas plataformas (PP) ou faino de forma mais subrepticia, dependendo dos tempos e lugares (PSOE). Ademais o seu discurso é o dominante hoxe na direita, é dicer, de corte neoliberal: un pseudo-darwinismo social que xustifica a extinción de linguas en base a un pretenso “mercado libre lingüístico” onde os febles desaparecen, igual que o suposto laissez-faire económico capitalista condena as maiorías á pobreza. Así pretenden obviar as forzas políticas que interveñen nos procesos económicos ou sociais, esquecendo que a suposta escolla de lingua no ensino (tal como na sociedade en xeral) non é un dereito individual senon unha decisión colectiva a exercer através de modelos lingüísticos conformados na esfera política. Ainda que despois recorran a esa argumentación, sen nunca mencionala, iso si, para soster a imposición do español porque “estamos en España”.
Así, é lóxico que este discurso se reactive nun momento en que por vez primeira en moitos anos existe un goberno en teoría mais favorábel á lingua, e que as cativas medidas legais adoptadas sexan atacadas furibundamente. Como paradigma, ese novo Decreto 124/2007 do galego no ensino, medida de mínimos e ainda así nen sequer aplicada na sua integridade, que é o albo destacado das suas “denuncias”.
Mais non podemos esquecer que existen sectores sociais galegos que defenden ou acreditan neste discurso, sectores en xeral burgueses ou de clase media, urbanos, e politicamente de direitas, de orixe franquista maioritariamente, ainda que non só: tamén no xacobinismo e populismo de pseudoesquerda. Este discurso permea a toda a sociedade, máxime cando estes sectores teñen un grande poder na sociedade galega: o papel nada irrelevante dos medios de comunicación magnificando estas plataformas dan boa conta disto.
De feito, a ampliación destes sectores ven demostrar a dramática situación en que está a lingua, e paradoxalmente as suas falsidades: o galego non é xa a lingua maioritaria da mocidade, nen tampouco das cidades, e concretamente na mocidade urbana está praticamente extinto; nas vilas e o rural tamén mingua. Ademais a “sociedade civil” segue, en coerencia coas mínimas mudanzas políticas e de elites desde o franquismo, esmagadoramente en español, invisibilizando o galego que existe e asimilándoo: cinema, tv’s, prensa, comercio, publicidade… Por outro lado as institucións: a Xunta, entre a incompetencia, a impotencia e a falla de vontade: sanidade, educación, servizos sociais, só parcialmente e mal galeguizados; o Estado, exercendo de español: todos os seus recursos, especialmente sangrante no caso da xustiza, en español. Esta lista xa coñecida abonda para termos claro a ficción dos seus argumentos de “imposición do galego”, e a onde imos de seguir nesta liña ou implementarense as medidas defendidas por GB: ao exterminio planificado da lingua, a maior ou menor velocidade.
O que facer perante estes grupos? Primeiro, rebater os seus argumentos coa realidade: temos inúmeros exemplos. Segundo, desenmascar os seus intereses políticos. Desde Isca! consideramos que non debemos ignorar estes grupos, “aguardando a que escampe”, mais ainda cando adoptan as formas de participación da esquerda, copiadas agora polos “neocon”: cumpre non retrairse e ceder, xa que ignorar a realidade non a muda, e o único que fai é consolidar as suas posicións: como mocidade nacionalista vemolo na rua, no contacto diario, e mesmo nos resultados eleitorais urbanos dos últimos anos da Fronte á que pertencemos. E o que facer na sociedade? Cumpre presión social na rúa, e denuncias e reivindicacións en todas as frontes: empresas que vulneran direitos, organismos privados que ignoran a lei, centros educativos que violen o Decreto, responsábeis políticos…etc; alén das obvias demandas de a Xunta mudar a sua desastrosa política lingüística.
Desde Isca! sabemos que o monolingüismo social e a normalidade só estará asegurada nunha Galiza soberana, mais sabemos tamén que só chegaremos a ela se hoxe comezamos a acumular forzas con ese obxectivo: a Galiza independente e con monolingüismo social que procuramos comeza agora!